Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Megálitos fronteirizos

A provincia de Ourense ostenta un récord entre as outras de España que comparten fronteiras internacionais. Non moitos saben que só tres provincias superan os 200 km de fronteira, e as tres con Portugal: Badajoz con 207 km, Cáceres con 209 km e Ourense con 219 km. Na parte baixa da táboa, Pontevedra, con 77 km e Guipúzcoa, con 12 km, esta última con Francia.

En Galicia a fronteira con Portugal quedou fixada dende o tratado de límites asinado en Lisboa no ano 1864. Os lindes establecidos formaron dous tipos de liña fronteiriza: a que debuxa o río Miño entre os concellos da Guarda e Crecente, que como saben pertencen á provincia de Pontevedra, e a liña contínua meridional que se forma entre os de Padrenda e A Mezquita, na provincia de Ourense. Este último tramo é o coloquialmente chamado "raia seca", denominación fondamente fixada e compartida polos habitantes destes territorios. As xentes "arraianas".

Nestas terras a fronteira física é unha liña imaxinaria, inexistente, tan só debuxada nos mapas, que se traza entre unha serie continua de moxóns. Xa dicía o dito: "entre marco e marco, non hai arco". Cada un deles ten inscrita as letras "E" de España e "P" de Portugal, ademais dunha numeración correlativa que comeza con fito nº 1, situado en Padrenda, e remata co nº 349 no lugar chamado "Penedo dos Tres Reinos", onde conflúen Ourense, Portugal e Zamora.

Para percorrer esta fronteira terreste contamos co excelente traballo La frontera hispano-lusa en la provincia de Ourense, de Luís García Mañá. O Anexo III do libro describe o trazado dos devanditos fitos fronteirizos, entre os números 1 e 349, a partires da Acta Xeral de delimitación de fronteiras do ano 1906.

A delimitación administrativa é a mesma que ten vixencia na actualidade, separando dous estados da Unión Europea. Máis a Historia demóstranos que os lugares non permaneceron inmutables co paso do tempo. Tampouco os territorios políticos e administrativos. Moitas fronteiras administrativas fixeron que espacios xeográficos homoxéneos se fragmentasen en unidades diferentes, mesmo en distintos paises, como é o caso do que agora tratamos. Cando iso ocorre, provócanse dislocacións que truncan a paisaxe, afastando xurídicamente as pezas dunha mesma contorna natural e cultural.

O investigador Francisco Calo Lourido dicía o seguinte sobre esta fronteira: "Unha cousa son os estados, as disposicións emanadas de Lisboa ou Madrid e outra moi distinta é a vida cotiá das poboacións limítrofes, ao longo da raia seca e do Miño, e mesmo rexionalmente veciñas, como a costa galega e a portuguesa. Teño andado moito por rueiros e campo a través ignorando se estaba en Galicia ou en Portugal, falando con paisanos dunha banda e da outra que me sinalaban fincas da súa propiedade no outro lado con vacas pastando nelas. Moitos séculos de convivencia, de trato, de comercio, de contrabando, de festas, de feiras, de amores, de casamentos, de herdanzas foron xerando unha franxa difusa".

O territorio da Baixa Limia é moi rico en monumentos megalíticos, especialmente os sectores da Serra de Leboreiro e o Val de Salas. Na primeira zona moitos teñen a denominación de mota, compartíndoo co máis común de mámoa, anta ou arca. Refírense aos dólmenes, na sua inmensa maioría total ou parcialmente cubertos por un túmulo de terra e pedras que incrementa a súa monumentalidade.

Tanto as elevadas chairas Leboreiro, que superan os 1.300 m de altitude, como o devandito val, son zonas fronteirizas. E algúns destes megálitos, despois das convulsas e intensas etapas históricas que racharon Galicia -a vella Gallaecia- en dous, utilizáronse para emprazar marcos fronteirizos convertíndose, como diciamos nalgunha publicación pasada, en "megálitos arraianos".

Ben é certo que este asunto non deixa de ser anecdótico, posto que entre os marcos e os primeiros megálitos ben puderon trancorrer uns 6.000 anos, pero o feito de presentalos ante vostedes, queridos lectores, é unha boa excusa para que coñezan e sen dúbida se asombren con estes monumentos prehistóricos e cos impoñentes paisaxes nos que se ubican, espazos humanizados polos propios construtores dos dólmenes na búsqueda de pastizais e de terras de labradío dende hai seis milenios. Como xa fixeramos na revista Arraianos, faremos un percorrido de oeste a leste, para falarlles dos cinco que teñen chantado un fito fronteirizo por riba deles.

O primeiro que atopamos está na elevada penichán de Leboreiro, a máis de 1.200 m de altitude. É a mámoa que nós catalogamos como M3 de Outeiro do Ferro-Penagache, compartida polos concellos de Verea (Ourense) e Castro Leboreiro (Portugal). Na bibliografía portuguesa denomínase M11 do Alto de Portela do Pau. Sobre ela emprazouse o marco nº 23. Forma parte dunha necrópole megalítica que agrupa trece monumentos, ademais dun menhir. Colonizan a ampla chaira onde nacen e parten as augas os ríos Cadós e Montaña, afluintes do Limia, e Deva, que verte no Miño. O monumento, con restos dun dolmen no seu interior, ten un túmulo que supera os 24 m de diámetro maior, e unha altura próxima aos 2 m.

Seguindo a raia fronteiriza cara ao sur, atopamos o segundo monumento megalítico de fronteira. E o chamado "Mota da Meda" ou M1 da necrópole de Serra das Motas, entre os termos municipais de Lobeira (Ourense) e Castro Leboreiro (Portugal). Por riba del, ademais dun vértice xeodésico, ten o marco nº 31. O megálito desfruta dun emprazamento impresionante, sobre o cumio dunha das maiores elevacións desta Serra de Leboreiro, na provincia de Ourense, con 1.319 m de altitude. Forma parte da necrópole de Serra da Motas, e foi escavada xunto con outros dous monumentos por Florentino Cuevillas a principios da década de 1920. Está formada por dez megálitos que ocupan as ladeiras de Leboreiro case ata a aldea da Fraga, en Lobeira. O túmulo que cubre o recinto funerario dolménico ten un tamaño que supera os 30 m de radio e acada case os 2 m de altura. Esta dimensión están potenciadas polo impoñente emprazamento elexido, que o fai visible dende distancias moi longas.

O profesor Miguel Angel de Blas Cortina, referíndose a monumentos construídos en cumios elevados, e tomando como exemplo a necrópole megalítica de La Cobertoria, en Asturias, dicía que nestas zonas de montaña, as elevacións maís prominentes podían ser lugares simbólicos de tránsito ao ámbito celeste, ao outro mundo.

Continuamos na Serra de Leboreiro. A dous quilómetros escasos cara o sur da anterior, sitúase a "Mota da Cabreira" que, tamén a comparten os concellos de Lobeira e Castro Leboreiro. Neste monumento o marco fronteirizo -o nº 34-, non se sitúa exactamente sobre o túmulo megalítico, pero si está moi próximo. Máis, ten a particularidade de que sobre el construíuse unha una garita de vixiancia fronteiriza, o que tamén indubidablemente a dota de carácter arraiano.

O monumento sitúase na chaira máis alta da serra nas terras galegas, nunha penichán denominada A Lagoa, cunha altitude de 1.330 m. O dolmen que seguramente tivo no seu interior non se percibe na superficie. Posiblemente fora afectado polas remocións provocadas pola construcción do posto de vixilancia sobre o monumento. Aínda así pudemos constatar un diámetro maior de 23 m, cunha altura conservada de 1,5m.

Para continuar a ruta cambiamos totalmente de paisaxe, aínda que non de comarca, posto que seguemos na Baixa Limia. Descendemos ata o río Limia e trepamos cara a Serra de Xurés, agora nas terras de Muíños e de Calvos de Randín. Alí se localiza a outra gran concentración de megálitos: as necrópoles do Val de Salas. Este érguese por riba dos 800 m de altitude e na irregular fronteira que forma con Portugal atopamos os outros dous monumentos con marcos divisorios.

O primeiro e a chamada "Mámoa da Portela de Pitões", entre Muíños (Ourense) e Pitões das Junias (Portugal). Sobre o seu túmulo situouse o marco nº 67. Emprázase no porto de montana -portela- do mesmo nome, un paso natural que se abre entre as agrestes barreiras do Xurés e os redondeados cumios da serra de Pisco e que permite comunicar as vacías do Limia e de Cávado. No cumio do túmulo asoman tres chantos dun dolmen. O diámetro maior deste túmulo supera os 20 m, cunha altura de 1,85m.

O último monumento sitúase no val, no ángulo dunha antoxada revirivolta que da liña fronteiriza. É o que catalogamos como "Mámoa do Marco 95", entre as terras de Calvos de Randín (Ourense) e Tourem (Portugal). Edificouse nun cumio que, sen ser moi prominente -865 m-, domina as terras centrais do río Salas, actualmente ocupadas polo encoro do mesmo nome.

O túmulo ten un diámetro maior de 22 m e unha altura conservada de 1,20 m. O posible dolmen que agochou no interior non é perceptible en superficie. Moi perto do megálito atópase a ermida de São Lourenço, na parroquia de Tourem. No límite do seu adro localízase o marco nº 94A.

Rematamos esta curiosa viaxe cunha cita que anos atrás incluímos nunha publicación sobre estes monumentos, sen quitarlle nin unha coma: "Cos datos que vimos de ofrecer destas mámoas "internacionais", "comúns", "compartidas", "transfornteirizas", noutras verbas, "arraianas", tan só pretendimos facer unha invitación pública que incite a mover a curiosidade por un dos moitos aspectos de interese cultural que teñen eses territorios comúns, facendo de cada fito separador un punto de encontro nestes vellos espacios ARRAIANOS".

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.

Compartir el artículo

stats