"España era plural con Argantonio, con Recaredo, con los Reyes Católicos, Con Felipe V, con Franco, y eso no lo cambia ni la mano divina." Desde logo, poden acreditar ben os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais que o parágrafo co se inicia a presente colaboración non procede da man do columnista. Antes ben, o seu autor vén ser D. Enrique Calvet Chambón, eurodeputado en exercicio pola ALDE, alianza política europea na cal se veñen integrar, entre outras formacións, UPyD e Ciudadanos. Para o Sr. Calvet, España está conformada, daquela, por "varias y diversas culturas, de todas las cuales los españoles nos sentimos orgullosos". Con decidido optimismo, entende, ademais, o noso protagonista que en ningún caso esa diversidade está en perigo de desaparición. Amén.

En efecto: xa sexa tal cousa por causa da infinita sabedoría dos Ceos -permítan Vdes. que, xa postos, opte por semellante tesitura, ao fin e ao cabo, algo si que lles debo á miña nai e mais ás miñas avoas- ou xeira polo labor arreo de Charles Darwin sobre a "pel de touro", que España vén sendo -e continúa a ser- plural e diversa é algo, certamente, que non parece moi cuestionable. Que tal feito viñese acontecer xa nos recuados tempos de Argantonio -hipotético rei tartésico que viviu aló entre o 670a.C.-550 a.C.- acaso resulte un tanto ampuloso; sobre todo porque utilizar o rótulo "España", así e sen máis, para tan retirada idade semella un tanto arriscado. Agora ben; se, con "España", D. Enrique quere dicir "a península Ibérica", nada que obxectar: en efecto, variados somos os habitantes da mesma desde que os nosos devanceiros experimentaron os primeiros avances da civilización humana.

Outra cuestión diferente, porén, vén ser esoutra de que o conxunto dos españois se sentise -e sinta- sempre, e realmente, orgulloso de semellante pluralidade de idiomas, xeitos, costumes...., maneiras de ser e de estar. Antes ben, desde o pensamento de dereitas e, así mesmo, desde aqueloutro das esquerdas, non faltou -nin falta, infelizmente- quen considere que a heteroxeneidade constitúe unha sorte de doenza, enfermidade, padecemento..., unha especie de babélica maldición, antesala do caos e mais da apocalipse, que cómpre atallar mesmo acudindo a métodos expeditivos. Nin que dicir ten que, en contrapartida, tampouco faltou -nin falta, e non é preciso que insistamos aquí e agora na cuestión- quen, da súa parte, teime en acentuar, realzar, salientar... esaxerar aínda os matices e as diferenzas e, xa que logo, proclamar aquilo que define a célebre cantiña gaditana: "dicen que van a poner un puente por la bahía,/lo pongan o no lo pongan, tú en tu casa y yo en la mía." Está claro que hai quen prefire perder o preito polo paso dun carreiro con tal de amolar o veciño. En fin; pacedemos déficit. Padecemos, desde logo, déficit económico e padecemos déficit social. Padecemos déficit democrático. Padecemos, e non deberíamos, déficit de Hespaña. Si, con "ha", como quería Castelao.

Certamente, a Constitución de 1978 viña reducir -ou iso parecía- unha parte considerable desa carencia; negalo é buscar esquecer a realidade do acontecido e, de aí, ir borrar os difíciles vieiros polos que tivemos que transitar. Agora ben; unha cousa resulta "permitir", "tolerar", "consentir"... que, por exemplo e sen ir máis lonxe, este modesto cronista se exprese en galego, por oral e por escrito, e unha cuestión ben diferente é que se asimile, dixira, metabolice... que, cando me manifesto de tal proceder, non fago outra cousa máis que comportarme como un hespañol -si, de novo con h -, habitante dunha Hespaña que vén ser tan miña como vén selo asemade de calquera outro dos meus concidadáns que non empregue ese mesmo idioma que agora mesmo eu estou a utilizar. E non; non quero ser "tolerado" nin "permitido" nin "consentido". Quero ser respectado; quero ser aceptado sen prexuízos, sospeitas nin fisuras. Sen privilexios, pero con todos os meus dereitos.

Obxectarán, se cadra, algúns que non corren bos tempos para unha lírica semellante. Pois ben; nunca correrán mellores se, na vez de reflexionar e aprendermos a lección, o único que devén de toda a barafunda que agora mesmo nos invade é o afán de confiscar, expropiar, amputar, serrar... a mesma pluralidade -"¡ a por ellos, oé, oé, oé!"-, teimando así na desesperanza e no rancor. En fin, desobedecer á man divina -"non tomarás o nome de Deus en van": velaí un pecado demasiado frecuente por parte dos peninsulares- e pretender igualar polas bravas vales, chairas e montañas: un camiño que non vai para ningures.

Déficit de Hespaña, xa que logo. Pero por iso mesmo déficit social, déficit da democracia. Estaría ben procurarmos reducilo de vez.