Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Política e Delicto

E serán eles presos políticos os políticos cataláns que mantén presos a xuíz do Juzgado de Instrucción da Audiencia Nacional ou serán presos comúns? Recordo que, en tempos de Franco e mentres durou a acción represiva do Tribunal de Orden Público, tampouco non había presos políticos en España. Eramos xente que cometía delictos coma os de propaganda ilegal ou asociación ilícita que estaban moi ben definidos no Código Penal en na Ley de Orden Público. Pola comisión de tales delictos o Estado de Dereito Franquista impuña penas de seis meses a 6 anos de prisión.

Por parte, debe ser hoxe considerado con ollo crítico o tribunal especial chamado Audiencia Nacional. Extraordinariamente semellante ao Tribunal de Orden Público, a Audiencia Nacional constitúe unha corte de excepción que a converte necesariamente nun tribunal político. Por qué a xuíz Lamela exerce como instructora da Audiencia Nacional e non se desempeña como xuíz de primeira instancia de Celanova ou maxistrada da Audiencia Provincial de Santander, que son cargos honorabilísimos aos que se accede por oposición libre e pública? A existencia dun tribunal especial de defensa do sistema político vixente, do Estado de Dereito vixente, evidencia a existencia dunha xustiza penal política que, de producir presos, só poderá producir presos políticos. A cuestión non é tanto definir os actuais políticos cataláns privados de liberdade como presos políticos senón sinalar o feito indudábel de que a xuíz Lamela (antano o xuíz Garzón) non instrúe un sumario penal ordinario senón un procedemento que engrana no poder político en crise.

Os cataláns e outros foron e son presos políticos porque poderán ser condenados por tribunais de excepción designados polo poder político. Por outra banda, resulta evidente que o poder político desconfía dos xuíces que exercen as súas funcións nos tribunais ordinarios e lexítimos e lles encomendan a uns seleccionados a misión de instruíren e xulgaren determinados delictos. Se eu fose xuíz en Celanova ou maxistrado da audiencia de Santander sentiríame preterido. E tamén aliviado. Tomamos o título de H. M. Enzensberger. O autor non é politólogo.

Compartir el artículo

stats