O 6 de outubro de 1934 -e que o segue non o é cousa, desde logo, deste modesto cronista, senón do, infelizmente desaparecido, grande historiador, Pere Anguera-, Lluís Companys levou a cabo un pronunciamento cuxa verdadeira finalidade viña consistir en evitar que se chegase a fornecer unha auténtica revolución social en Cataluña. Procurando non perder o control sobre as diversas reivindicacións -agrarias, obreiras... e tamén independentistas-, o daquela presidente da Generalitat buscaba, poñéndose á fronte dun movemento político, desactivar a crecente protesta. Porén, Companys nunca chegou a proclamar a independencia catalá, senón "l'Estat Català de la República Federal Espanyola". O que é máis: diante daquilo que consideraba como un asalto contrarrevolucionario ao poder, en Madrid, o presidente catalán invitaba a "establir a Catalunya el Govern Provisional de la República (obviamente, da República española) en el comú anhel d'edificar una República Federal lliure i magnífica". Ou o que vén ser o mesmo: matar dous (ou tres!) pombos cun único tiro.

Cando teñamos tempo para examinar amodo o que vén -continúa aínda- de acontecer nas pasadas semanas (e meses), sen dúbida que nos haberemos de remitir a apartados máis ou menos recuados na historia desta península. Así e todo, penso ben que a análise que se vaia efectuar non poderá en ningún caso deixar de lado o clima socio-económico e político que se vivía en España nas vésperas do 15 de maio de 2011, cun absolutamente declinante ZP á fronte aínda dos destinos do Estado. Repasen, entón, os sempre moi amables lectores: cantos de entre Vdes. non consideraron, entre o 2011 e o 2015, xa con Mariano Rajoy no poder, que a Unión Europea estaba a vivir os derradeiros estertores? Cantos non entenderon, asemade, que, no mellor dos casos, camiñabamos directos a unha Europa de "dúas velocidades" e que España moi dificilmente, cando non dimanaba por completo imposible, se ía integrar no grupo de vangarda? Foron, acaso, catro gatos os que coidaron que o euro non tiña salvación ningunha? Realmente ninguén interpretou que a fórmula PPSOE chegara á súa fin? Os sondeos realizados en novembro de 2014, con Xoán Carlos I fóra da Zarzuela, situaban a Podemos como a primeira forza do país (en xullo de 2014, o CIS considerábaa a segunda en intención directa de voto, apenas a 0,9 puntos do PP). En fin, que cousa pensou Artur Mas aquel día de xuño de 2011 cando se veu obrigado a acceder ao Parlamento catalán en helicóptero, asesiado pola presión do movemento 15-M? Que perseguía de veras en setembro do 2012, cando teorizou a viraxe cara ao soberanismo?

Nin que dicir ten, a panorámica que vimos de recrear non pretende concluír que non houbese independentistas en Cataluña antes das, significativas, datas que acabamos de referir. Outra cousa, iso si, é que, logo de tal, fosen -sexan- moitos e bastantes os que se apuntaron a tales filas, militasen/apoiasen con anterioridade nun catalanismo pactista (a vella CiU de "el peix al cove") ou, simplemente, non militasen en ningures pero si que consideraron que, diante dos sinais esquivos, túzaros, procedentes dun Madrid incapaz de axeitar calquera resposta en positivo, a única esperanza descansaba xa en confiar nas propias capacidades. Buscando, pois, outra vez conxurar os vellos e coñecidos perigos, Mas e mais os seus decretaron que o maná da independencia estaba disponible "per a tothom." E sen embargo...

Preguntábase Josep Borrell onde estaban, nesa xeira, os empresarios, banqueiros... que agora fuxiron ás carreiras de Barcelona. A pregunta ten o seu aquel porque, por moi iluminado que se sinta pola luz da liberación nacional, o Sr. Puigdemont non ignora que as independencias tan só se gañan polas bravas ou ben polo acordo final entre as partes implicadas. Como concibir, xa que logo, unha República catalá sen contar co suficiente consenso na propia Cataluña -parece claro que un 51% non abonda-, nin coa recepción internacional -non semella que sexa contemplada polos amos do Gran Taboleiro- nin, moito menos, con complicidades efectivas na "metrópole"? "Sen que se produzan certos cambios obxectivos, non só independentes da vontade dos distintos grupos e partidos, senón tamén da vontade das diferentes clases, a revolución é, por regra xeral, imposible", escribiu Lenin. Vale; poida que os dirixentes independentistas acrediten en que Marx está morto e que o camarada Vladimir vén ser unha fantasma daoda de cazar polo equipo de Bill Murray/Peter Venkman. Así e todo, quen lles prometeu a D. Carles e a D. Oriol municións, armas e utensilios, apoio loxístico e tecnolóxico... De novo no cinema: quen enganou a Roger Rabbit?

Nos pasados días,e levando a cabo o esforzo de distinguir entre as voces e mais os ecos, sinalaba Alberto Garzón que consideraba erróneo o proceso independentista catalán porque a independencia de Cataluña en ningún caso viría permitir que as clases populares catalás fosen vivir mellor nin, moito menos, emanciparse do capitalismo: "Cando o dereito de autodeterminación vén esixido por ditas partes máis ricas, cómpre termos un elemento de sospeita". En fin, D. Alberto dixit.