Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Manifesto carlista

Non di "España" nunca, senón "las Españas"

Chégame a carta do rei tradicionalista Carlos Javier aos seus seguidores, e eu non podo deixar de relembrar o seu pai. Os días nos que Carlos Hugo se reuniu en Chaves, se cadra e se a memoria non me falla, no balneario de Vidago. Á volta da xuntanza prenderon os gardas civís franquistas a Bautista Alvarez e a X.M. García Crego. Porque os de Carlos Hugo, con Manuel Rego de delegado rexio en Galicia, estaban connosco; cos da ruptura democrática, ou sexa, que formaban parte da Consello de Forzas Políticas Galegas, xunto coa UPG, a ANPG, o PSG, o MCG e o PGSP.

Carlos Hugo preconizaba unha especie de monarquía federal "das Españas" coas nacións internas autoxestionadas, así como tamén as fábricas e outras unidades productivas. No manifesto-carta de Carlos Javier de Borbón Parma, como é uso no universo carlista, non se di "España" nunca, senón "las Españas". Tanto era do agrado de Lois Soto esta forma, que na liña editorial de Vieiros sempre se escribe "las Españas".

Lendo o manifesto do rei carlista acordeime de Vázquez de Mella, de Alfredo Brañas e do día no que o republicano e laicista Curros Enríquez se uniu á súa Liga. O manifesto refuga o independentismo, pero máis á intransixencia do goberno español. Niso, este cronista mínimo non concorda, entre outras cousas porque, non sendo catalán, é un simple independentista e republicano galego que acredita na autodeterminación.

Gústame a redacción nobre do documento. El está nas antípodas da mediocridade vociferante do españolismo en activo. Vexan como fala Carlos Javier de Borbón Parma: "Recordemos nuestra propuesta tradicional que es más necesaria que nunca. El federalismo como expresión actualizada de la foralidad de los viejos reinos, es la solución que puede encauzar las aspiraciones de las distintas nacionalidades que conviven en las Españas".

Sempre, "las Españas". Nunca aparece no texto a chamada ritual á unidade de España que se rompe por acción do Mal. Nunca as palabras "secesionismo" nin "separatismo". As palabras do rei carlista hoxe gardan semellanza intelectual e amosan unha proximidade política co discurso republicano de Manuel Azaña no pasado e no que se refere ao "problema catalán" do que algúns falan a berros.

Compartir el artículo

stats