Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

As bibliotecas

Poñen o seu día no vintecatro deste mes, martes, pero a grande palabra biblioteca debe , no valer dos desexos, dicirse e vivirse todo o ano conxugando o verbo ler, aínda que na data antedita lle deamos acariñadamente un intensivo acento.As bibliotecas son espazos de nos atopar, de discrepar ou de chegar a acordos ilusionantes. Lugares de lectoras e de lectores que permiten tempos de tactos e de contactos cos soportes de lectura, asemade que cos nosos pareceres e estimas, poñendo a rular experiencias e proxectos con traxectos, cos pés na terra e coas cabesiñas a brincar cos sentimentos nas tantas músicas das emocións, das fantasías e das imaxinacións, Todo así, ben cheo de horas cargadísimas de contidos marabillosos nos que facer lecturas de moitos tipos, pero en especial lecturas creativas, vivas e activadas a toda marcha e enerxías ( pois témolas e non poucas) e sempre nos abrazos sentidos e de cantidades volumétricas da nosa lingua e da nosa cultura ( como primeiras conexións valedoras e eficaces para entender o mundo).

Velaí as bibliotecas , coas súas bibliotecarias e cos seus bibliotecarios, como nos ofertan oportunidades ( pasen sen chamar) para compartir mornuras cos soportes de lecturas, lendo, comunicando, xunto coas lectoras e cos lectores ( e cos que non o son, que tamén teñen importancia, pois han saber que as portas das bibliotecas están abertas para entrar, para quedárense ou para írense).Nestes espazos de lecturas( non únicos) todas e todos sentiremos o latexar dos grandes corazóns das bibliotecas, pois a forza deles será o resultado da suma plural dos nosos. A dos nosos corazóns de lectoras e de lectores. Pasen e nótenno. Feliz día ( lendo, claro).

*Escritor estradense

Compartir el artículo

stats