Estes días asistimos preocupados á queima do monte nas terras galegas. Fálase de incendiarios e complots de homicidas. Unhas escusas que xa foron utilizadas no 2006 e rexeitadas precisamente por quen agora as utiliza: Feijóo e Rajoy. Temos que ser claros: se hai bandidos que matan persoas e queiman os recursos teñen que ser detidos e levados diante da Audiencia Nacional por terrorismo. Vimos a algún así? Acaso é máis terrorismo o que fan os presidentes de ANC e Omnium en Catalunya que os que matan e destrúen o ecosistema? E se non saben atopar aos delincuentes que se vaian.

Non obstante o problema é máis complexo. O monte galego está despoboado, non hai xente que o coide e todas as imaxes que aparecen sobre el móntanse desde o mundo urbano. Isto provoca un claro problema xeográfico e social.

O espazo vivido do monte é o que se acocha nos sentimentos das persoas, que pasean polas abas dos montes, buscan refuxio nas árbores e utilizan as ramas para dar calor cando se necesita ou para estrume se son ramos de toxo. Pero o bosque tamén é percibido como un espazo de lecer desde a cidade, como un espazo para ser contemplado, que se representa como un ecosistema que se regula. Error grave cando se actúa sobre o mesmo con accións que alteran o equilibrio.

A paisaxe do monte mudou no último século. Hoxe hai máis árbores que antes, pese a mitoloxía popular que fala desa historia da ardilla que atravesaba España. Son os moitos que se repoboaron para intereses de fora do monte: para a industria celulosa, para os taboeiros. Para isto necesitábanse árbores que creceran moi rápido: piñeiros e eucaliptos. Os homes das aldeas viron que era o que lles permitía obter un beneficio, pero non gustaban deles. Por tanto non forman parte do seu espazo vivido e tampouco do espazo percibido dos urbanitas máis cultos, que saben que estes árbores non crean unha capa edáfica rica, senón todo o contrario.

Temos así un paradoxo: creamos un monte que non gusta nin a quen aló vive, nin a quen vai de cando en vez. Por que se fixo isto? Os motivos están en pensar que o espazo forestal é un espazo de reserva para unha futura ocupación por outros usos; algo así como a reserva de man de obra que supón a poboación parada.

No monte en Galiza non viven máis que os vellos. Unhas persoas que vivían noutro ecosistema forestal. Non querían deixar xamáis as terras "a monte". Pero o monte circunstancialmente era o monte das tomadas, das terras para facer fronte á presión demográfica, era o lugar onde se atopaban recursos como leña, estrume ou onde ía o gando a comer. Por iso limpaban o monte, porque formaba parte da súa vida.

Cando o monte se pensa desde o espazo concibido do poder é un lugar de recurso económico para ás empresas que están fora das aldeas. Non se conta con eles. Se lles da unha esmola para que acepten resignadamente o que non queren. E así plantan árbores, instalan muíños de vento e fan parques industriais e comerciais.

A chegada do cambio climático agrava os problemas derivados da transformación antrópica do monte. A aridez aumenta, a capa edáfica é menor, a erosión máis grande. E os incendios incrementan aínda máis esta degradación. E mentres os vellos son cada día máis vellos. E non hai que coide o monte.

Para solucionar este problema necesitamos unha política integral de ordenamento do territorio, que permita crear pequenas vilas que agrupen equipamentos básicos de sanidade, educación, comerciais, industriais... e con infraestruturas necesarias para a vida do século XXI: electricidade, telefonía, transporte. E desde eses diferentes centros pódense desprazar en pouco máis de media hora as persoas a coidar o monte. A tecnoloxía actual permite limpar o monte en menos tempo e con menos enerxía humana. Fai falta un planeamento integral e iso pasa por un debate público sobre o país que queremos.

*Doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela