Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Gloria ao Padre Merino

Do Día das Linguas, que serve para esconxurar o sentemento reaccionario da maldición de Babel, pasamos nesta probe columna a outro mito. Este é o dunha mudanza climática acelerada que non ten que ver coas mudanzas climáticas infinitas (é esaxeración) que o planeta Terra ven sofrindo desde as súas orixes no Universo. Tivo a Academia Galega das Ciencias a espléndida idea de celebrar a memoria do Padre Merino, Rousseau sempre dicía que a mellor práctica que o humano pode exercitar é o paseo. Ou sexa, camiñar en lugar de cabalgar ou ir de coche ou de palanquín. O camiñante pode ver de preto e, por parte, ollar e cheirar os seres vivos. Rousseau enfatizaba: a medida que ando a pé podo "herborizar". Isto é: apañar vexetais para despois clasificalos, esprimelos en papeis adecuados mediante prensa, e coleccionalos despois de os estudar. Falamos de herbolarios. O P. Merino, despois de Colmeiro, e moito máis tarde, intentou a descripción de todos os "vegetables" (dicía Sarmiento de Galicia). Miguel Colmeiro Pinido (1816-1916), sistematizador da flora ibérica, xa consideraba Galicia como un reino botánico con características propias. Planella Giral, en 1852, centrouse en Galicia, en canto dominio coherente ou grande ecosistema, nos seus estudos botánicos. Pero foi Baltasar Merino (1846-1917), quen, na súa Flora Descriptiva e Ilustrada de Galicia (1905-1909), fixo mostración completa, camiño da exhaustividade, da vexetación da Galicia que ao tempo non existía como entidade política. Fai moi ben a Academia Galega das Ciencias en lembrar a figura do Padre Merino a herborizar a pé os mil camiños de Galicia como dixera Roussseau que había que facer para coñecer os países. Pero agora lembro eu con meirande interese a súa actividade como climatólogo. Neste senso, acórdaseme Eduardo Chao, que impulsou en Vigo a criación de rexistros climatolóxicos. Neste sentido hoxe faise preciso ir a un traballo do Padre Merino no: Contribución al estudio de la flora en Galicia: la vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca del Miño", que é de 1897. As especulacións apocalípticas que nos acosan hogano a respecto de mudanza climática se cadra poderían ser comparadas coa experiencia botánica ecolóxica de Padre Merino na bacía do noso Río Pai e na década final do século XIX. Dado o feito de eu non ser coñecedor de primeira man da vida do Padre Merino, quixera saber se morreu, como din uns, en Camposancos, ou se a súa vida se extinguiu en Vigo. En todo caso o Padre Merino merece unha visita e tamén que os poderes terrenais galegos lle dediquen algunha homenaxe en forma de monumento cívico perdurábel.

Compartir el artículo

stats