"Heteroglosofobia" ou "heteroglotofobia" é do que estamos a tratar e chamámoslle así ao odio que algúns senten polas linguas que non son a súa. Abreviaremos o neoloxismo como HGF. Desde logo a HGF está intimamente relacionada co racismo e a xenofobia. Camilo José Cela sofría de HGF senil cando lle botou un peido a mosén Xirinacs ao este pretender falar catalán no senado de España. Estes días Pérez Reverte pretendeu emular ao mestre de Padrón, el nunca conseguirá ser tan bárbaro. Os cataláns descoñecen a HGF. Fixeron cooficial o occitano do Val de Arán en todo o territorio nacional de Cataluña coma o francés en Canadá. E mesmo as papeletas do referendum de independencia estaban escritas en catalán e en aranés. Non só o galego de Asturias está maltratado, senón que tamén o está, por HGF, o propio asturleonés. O galego do Bierzo e das Frieiras zamoranas ten moitas dificultades debido á HGF que domina en Castela-León. O caso de Aragón é moi rechamante. Como saben vostedes, en Aragón existe un idioma autóctono que nada ten que ver, como explicaba moi didacticamente Rafael Lapesa Melgar, coa fala dos maños das películas costumistas como foi outrora "Nobleza Baturra". O aragonés é unha lingua que procede directamente do latín, coma as restantes románicas, pero que non se extendeu cara o Sul na Reconquista, como fixeron o galego, o castelán e o catalán. O aragonés áchase actualmente reducido aos vales pirenaicos de Hecho, Ansó, Broto, e non sei se algún máis. O goberno autonómico de Aragón máis ben despreza esta súa lingua, que, mesmo, ten un interesantísimo cultivo literario neste intre. A HGF prendeu tanto nos aragoneses que os leva ao autoodio e a reprimir un idioma que é o seu. Por outra banda, tamén os aragoneses odian o catalán, que se fala na Franxa Oriental do seu territorio e o manteñen en situación de anormalidade ou ilegalidade alí. En España fálanse moitas máis linguas das que están recoñecidas e son cooficiais co castelán. Fálase ademais das citadas, outra lingua: a dun pobo sen territorio, que é o da nación Rom. Son coñecidos na Península Ibérica como gitanos, ciganos, alén doutras denominacións segundo o grupo Rom particular de que se trate. Tamén lle din Calé, porque na súa lingua caló significa "negro" e calí "negra", e calé plural de ambos xéneros. O idioma deles pode ser chamado romanó ou caló. Saben os estudosos do romanó que esta lingua lle proporcionou aos argots e falas coloquiais de toda Europa, especialmente ao portugués, castelán e francés, un bo feixe de palabras. Todo o mundo coñece entre nós as verbas "chorizar", "chaval" ou "molar", que son préstamos indiscutíbeis do romanó. E ben, este pobo sen territorio, como sempre foron os xudeos, tamén ten dereito a que a súa lingua sexa oficializada como o foi, en máis de unha variedade, na antiga Iugoslavia e na antiga URSS. O HGF, veciño do racismo, oponse: isto é España.