Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Poesía na escola

Fun sabedor de que Antonio García Teijeiro, excelente autor galego que escribe, e non só, para os nenos, gañou o Premio Nacional (español) de Literatura Infantil e Xuvenil, que xa recibiran outros nosos. É verdadeiramente vergoñento que os escritores galegos pasen pola humillación de que a Xunta non dispense premios nacionais de literatura galega, diversificados en bloques, nin o equivalente a un premio Cervantes (podía ser Rosalía) como teñen os cataláns, valencianos, vascos e mesmo outros que carecen dunha literatura diversa da castelán. Hai, si uns premios galegos de cultura miserentos, nos que se inclúe un de literatura e que non están remunerados, o que ilustra o nulo interese da Xunta neste caso do PP, por fomentar as nosas letras máis vivas. Os escritores galegos en galego, a pulso e competindo coas produccións literarias en castelán, vasco e catalán, comparecen nos Premios Nacionais de Literatura (españois) en inferioridade de condicións. Aínda así, ás veces gañan algún destes premios.

O de Literatura Infantil que hoxe recibe García Teijeiro xa antes lle fora concedido, merecidamente a Agustín Fernández Paz e a Ledicia Costas. O desamparo das letras galegas por parte da autoridade autonómica é escandaloso e contrasta co vigor, a variedade e a difusión no mundo que teñen moitos autoras nosas e moitos autores nosos. Por outra parte, terei que decer que me comprace que o premio de que tratamos lle sexa outorgado a un libro de poesía para cativos. O seu autor fai moi ben en insistir nesa liña. Mal ou ben, aos nenos da miña xeración nos ensinaban a recitar poemas como "Con Cien Cañones por Banda". O finado do meu pai sabía de memoria, desde neno, e recitaba en francés fábulas de Lafontaine. Enseguida a igrexa católica nos fixo cantar un belo poema latino, sen nos advertir que, presumibelmente, o seu autor Pedro de Mezonzo era galego de nación. Non nos fixo dano ningún aos nenos do meu tempo aprendermos cataqueses (así diciamos) e na escola algo de poesía decorada. Aínda que tamén é certo que nalgúns centros de ensino público había profesores resistentes e renuentes que puñan a memorización de "Adiós ríos, adiós fontes" como tarefa. Di a lenda, seguramente baseada en feitos reais, que Lois Soto, mestre en Buscalque, aló onde o río Limia deixa de ser galego, facía que os seus nenos cantasen letriñas de Camoes subidos ás ponlas das cerdeiras. Ben premiado, este valiosísimo material docente e potente enxurrada de verbas nobres para as novas roladas que converte a Antonio García Teijeiro en Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (de España). Eu manifesto eiquí o meu contento.

Compartir el artículo

stats