Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Fernando o Católico

A nomenclatura política das cidades revela a simpleza e ignorancia dalgunhas corporacións

Revisei unha obra de Murguía editada en Vigo por Compañel en 1862 Diccionario de escritores gallegos. Publicouse nun tempo no que a cidade comezaba a constituirse en capital editorial de Galicia. A tipografía de Compañel fai agradábel a lectura destas páxinas. Nun minúsculo pé da portadiña, infórmase de que a obra está impresa sobre papel fabricado en La Cristina. Xurxo Martínez localizou a fábrica de papel de La Cristalina. O edificio áchase ben conservado e amósase intacto o nome que levaba a factoría. Imaxinamola manufacturando resmas dun papel forte e compacto sobre o cal se imprimirían os libros de Compañel e os xornais La Oliva/ El Miño e este mesmo Faro de Vigo. Os muros da fábrica poden ser hoxe visitados á beira do Lagares en terreos que entón debían de encontrarse dentro do extinto municipio de Lavadores. O historiador Xurxo Martínez pide que o concello de Vigo poña nos muros venerabeis de La Cristina unha placa que nos faga acordantes de que alí houbo unha fábrica de papel que serviu de soporte á mellor literatura e ao mellor xornalismo do século XIX galego. Vigo ten a obriga de informar públicamente do seu pasado. Voltamos sobre unha teima: que na antiga cadea de Príncipe, e actual Marco, se dispoña unha parede na que poidan lerse os nomes e apelidos dos que alí sofriron prisión política e de alí saíron para seren mortos polas armas franquistas, cando non executados no interior a garrote. Listas murais de este tipo existen en todos os países que foron afectados polo virus do fascismo. Está a caír unha vizosa xeira de homenaxes a Martín Códax, coa chegada, a Vigo do pergameu que leva o nome de Vindel. A este respecto digamos que o escritor vigués Teodoro Vesteiro Torres foi o segundo editor das cántigas completas de Martín Códax. No Heraldo de Galicia (Ourense, 1876) e despois nas súas Monografías de Vigo (Vigo, 1878). Creo que Teodosio Vesteiro Torres lle debe dar nome a unha vía pública importante da súa cidade natal. O Vigo oficial sen embargo, sempre lle tasou os honores debidos a este insigne escritor. Hai quen pensa que o feito de se el suicidar, condenado públicamente na época polo elemento católico, foi o factor determinante de tan incomprensíbel frialdade. Os nomes das prazas e das rúas das ciudades son un libro aberto no que os populares lemos o texto ideolóxico dos gobernantes municipais, que, xeración tras xeración, recordan ou mudan ou borran do nomencláto persoas e institucións. Tamén a nomenclatura política das ciudades revela a simpleza e a ignorancia de algunhas corporacións "¿ Qué lle debe Vigo a Rosalía de Castro?" -preguntou un día avesamente certo alcalde falangista de Vigo. A quen nada lle debe nin Vigo nin Galicia é ao rei Fernando o Católico; en rigor.

Compartir el artículo

stats