Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

San Martiño e os mouros

A catedral de Ourense, e mesmo aquela antiga cidade, teñen como "patrón sabido" a San Martiño de Tours. Algúns pensan que se trate dunha subplantación interesada de San Martiño Dumiense. Imos deixar a cousa así. Esta tempada, Ourense atrai sorprendente cantidade de turistas, moitos deles de procedencia española. É o caso que a única referencia icónica de San Martiño que hai en Ourense sexa certo pequeno releve que se sitúa nun contraforte da catedral para ser visto polos pasantes entre as rúas Modesto Fernández e Das Tendas. Nel vese ben San Martiño a cabalo. Nunha man sostén a capa. Na outra levanta a espada núa. No chan un home miserábel abre as mans.

O releve está a escenificar un episodio famoso da vida de San Martiño de Tours. Ía, o que sería santo, de camiño, e un probe medio espido pediulle esmola. San Martiño non levaba bolsa nin diñeiro consigo. Daquel tirou de espada e, con ela, partiu a súa capa. Diulle a metade da capa ao mandicante e seguiu súa vía. Detívose en Ourense unha parella de xoves forasteiros para observaren a escena tallada en pedra.

Pareime eu para tomar nota do que dicían uns visitantes non galegos e, se, tal contarlles a conversa a vostedes. "¡Es un escándalo!", dixo el. "¿Por qué?"-preguntou ela. "¿No ves que representa a Santiago Apóstol matando a un moro con su espada?". A muller caiu na conta e falou algo banal sobre islamofobia e o perigo que corremos ao provocar os mahometanos que andan en pé de guerra santa.

Todo aquelo que nós miramos conecta no interior da conciencia coa totalidade do que temos mirado anteriormente. Os nosos desexos e os nosos prexuizos e os nosos medos confúndense nas nosas subxectividades e podemos ver o que non hai. Onde está San Martiño partindo a súa capa cun pobre espido, os viaxeiros ven Santiago Matamouros en acción bélica.

Os viaxeiros cuxa breve conversa chegou a ser percibida por min formaban corpo cos que acreditan no "diálogo de civilizacións" e cos que ignoran que en Libia e Irak o imperialismo destruiu, para beneficiarse do gas e do petróleo, uns sistemas socialistas e laicos árabes e activou o chamado Estado Islámico. Eu, como bon seguidor da doutrina común do nacionalismo galego explicado por Castelao, simpatizo coa iconografía de Santiago peregrino e destesto o Santiago da balatalla de Clavijo montado a cabalo e matando mouros. Pero, en realidade, sei ben sabadio que nin o Santiago pacífico nin o seu avatar belicoso estiveron nunca en Galicia nin de vivos nin de mortos.

Entrementres, na cidade de Ourense obsérvanse marcas que sinalan que por alí tamén pasa actualmente o Camiño de Santiago. Hai algún lugar mais ou menos notábel de Galicia por onde non pase un falso Camiño de Santiago? Celebramos que o goberno laico e socialista do doutor El Assad non fose derrocado por morabitos horrorosos armados polo Imperio. E Siria continúa, abofé.

Compartir el artículo

stats