O home -ou a muller- ocultos baixo o alcume de Martín Codax fixo unhas cantigas semellantes ás que, sen dúbida, cantaban daquela as mulleres polas rúas e rueiros de Vigo, incluso puido recollelas de boca dunha daquelas mulleres analfabeta. O anónimo Codax adaptounas ó modelo estrófico e harmónico da lírica trobadoresca de moda no século XIII que entretiña o lecer de señores, na corte e nos castelos, e do pobo, en especial dos soldados que compoñían o exército de El rei.

As cantigas de Codax pertencen ó grupo das cantigas paralelísticas como se chaman as de amigo, con leixa-pren e refrán, pois son máis ou menos paralelas. A cantadora -porque con certeza foron interpretadas por unha ou duas mulleres ó son da mandorra ou do laúde do xograr- retomaba un verso do dístico anterior no seguinte, mantendo a rima interna:

Ondas do mar de Vigo,

se vistes meu amigo.

E ai Deus, se verrá cedo.

Ondas do mar levado ,

se vistes meu amado.

E ai Deus, se verrá cedo.

Se vistes meu amigo

o por que eu sospiro.

E ai Deus, se verrá cedo.

Se vistes meu amado,

o por que ei gran coidado.

E ai Deus, se verrá cedo.

Aínda que algún especialista en lírica medieval que negan o carácter secuencial das sete cantigas de Martin Codax, todo leva a supoñer que forman un ciclo narrativo pechado. Trátase de escenas nas que unha moza, leda e namorada, conta os momentos que vive agardando o amigo (amante) á beira do mar de Vigo. Nas cantigas que inician e rematan o ciclo, a moza namorada interroga as ondas sobre o amigo polo que ela suspira de amor, e pregúntalles se virá axiña (cedo).

Non é un motivo frecuente na lírica galega medieval que a voz feminina se dirixa a un elemento da natureza como confidente do seu pesar, presente, en cambio, en cantigas populares, como: Airiños, airiños, aires, / airiños da miña terra ,/ airiños, airiños, aires / airiños levaime a ela, e na poesía escrita posterior. O que vén situar as cantigas de Codax próximas ás orais. É unha interrogación retórica pois a moza sabe que as ondas, como o aire, non lle van contestar a súa demanda e só trasloce a súa ansia de ver o amado.

Tamén na fermosa cantiga de Mendiño e na do crego Roi Fernandiz de Santiago, Quand'eu vejo las ondas, se fala de ondas do mar, e o seu devalar interprétase como un símbolo da paixón amorosa. A moza de Mendiño está á beira do mar na ermida da illa de San Simón atendendo o amigo ant'o altar e a voz indefinida de Fernandiz pode estar situada no mar (nun barco, quizais), e nestes casos as ondas non son confidentes, ó contrario, son temibles: cercaron-mi as ondas grandes do mar, di a de Mendiño con medo a morrer fremosa no mar maior, chegando a maldecir o mar a de Fernandiz: Maldito sea' l mare / que mi faz tanto male!

Na segunda cantiga, a moza namorada, quizais habitante de Alcabre, de Bouzas, de Teis, de Lavadores, de Cabral ou de Coruxo..., dille á nai que irá a Vigo, que vai á vila, como seguiron dicindo moitos séculos despois as xeracións de xentes que habitaron os arredores da cidade. E vai a Vigo porque o amigo lle mandara recado de que ía volver: Mandad' ei comigo / Ca ven meu amigo/ E irei, madr' a Vigo! E, ademais, ven san' e vivo... / E d'el Rei amigo... / E d'el Rei privado. É dicir, non vén ferido da guerra e gañou méritos diante de El rei para ser o seu amigo e privado. Hai que supoñer que volve da guerra contra os mouros nos exércitos de El rei Fernando III.

A cita co amigo vai ser no adro da igrexa, un espazo que aínda nalgunhas parroquias, segue a ser un lugar de convivencia social, de celebración de festas e xuntanzas. E debemos supoñer que foi nunha igrexa xunto ó mar que habería no areal ou no Berbés, no Vigo do século XIII.

A moza pídelle á súa irmá que vaia onda ela mirar as ondas mentres agarda, pola nai e polo amigo: Mia irmana fremosa, treides comigo / A la igreja de Vigo u é o mar salido / E miraremos as ondas! /.../ A la igreja de Vigo u é o mar levado / E verrá i mia madre e o meu amado.

A figura das irmás (amigas) e da nai como confidentes é un motivo recorrente nas cantigas de amigo (Vayamos hirmana, vayamos dormir / Nas rrybas do lago, hu eu andar vy / a las aves meu amigo, escribe Fernand'Esquio), presente tamén nas gharchas mozárabes e en cancións populares castelás.