Cando nos anos setenta do pasado século, a cidade de Madrid, a sazón capital de todas las españas del mundo mundial, estreaba a M-30, estrada de circunvalación, que ía descargar o tráfico do centro,entre os madrileños máis castizos, eses que fan gala dunha fina ironía, máis chuleria que retranca, circulaba o conto dunha parella de alemáns, que desapareceran misteriosamente sen que entre os seus achegados souberan nada deles por anos, ata que foron encontrados nunha daquelas moitas variantes mortos e deles que tan so quedaban os osos, resesos lambidos polo sol, despois de que se supón entraran co seu coche na mencionada estrada, e non conseguiran atopar a saída desexada.

Aínda que exaxerada a anécdota, o outro día non puiden menos que recordala percorrendo os sendeiros deste roteiro pantasma, que están a inventar dende o noso concello, polo Arnego, o Sobreiral e os lugares de Vilariño, Belpellós e Garlin, parroquias e aldeas de Agolada.

A ver amigos, hai moitas e variadas formas de facer unha ruta de sendeirismo, aínda que non sexa recoñecida oficialmente. Pódese montar un roteiro circular con saída e chegado no mesmo sitio de partida, pode ser lineal, de ida e volta, pode ser máis ou menos duro e exixente, con subidas e baixadas, pedras, terra, barro ou o que sexa, o que non se pode é estar non sei cantos anos, co mesmo conto para continuar no mesmo punto de sempre, poñendo parches, gastando cartos e toleando a xente.

Dende sempre escoitei falar da ruta de sendeirismo entre "A Ponte Carmoega e a Ponte Vilariño, cuxa area de lecer, hai uns anos unha enchente do río pasóuselle por riba e levouna por diante, e dende entón alí está esquecida e case que abandonada de todos.

A realidade é que ao día de hoxe, non é posible facer este camiño, salvo para os tolos e cunha machada ou unha fouciña, para irse abrindo paso entre toxos, silvas, xestas e todo tipo de vexetación de monte baixo das que somos xenerosamente referente.

Podes facer algún que outro circuíto polo sobreiral, arriba e abaixo, pola parcela custodiada, pola beira do río Arnego, pateada polos pescadores, cada día sonche menos, ou enlazar polas pistas xa existentes de sempre, de Garlin, Belpellós, etc. Pero nada semella que isto sexa unha ruta, ou roteiro de sendeirismo, mesmo que se poñan postes e frechas negras, que non siñalan nin distancia, nin lugar e levan a ningures.

Levamos cinco anos, coa mesma musica; "cartos, e máis cartos, subvencións e axudas, do GDR, dos proxectos de desenvolvemento agrario, dos fondos europeos, ou da conselleira de Agricultura e Medio Ambiente da Xunta";Canto levamos invertido en facer unha ruta de sendeirismo, que aínda hoxe, non é practicable, xa que recoñecendo, que agora si hai postes de madeira, con enormes frechas negras que indican direccións, ninguén me pode negar, que moitas sonche confusas, indican a nada, direccións de camiños que rematan no medio do bosque, sendeiros impracticables dos que xa as silvas, son as raíñas deste despropósito labirinto?