Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

A Arousa (a Illa), mon amour

Sen dúbida que han de resultar uns cantos, ou moitos, de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais que hoxe retornan, logo da paréntese estival- aqueles que dispoñan dun espazo, dun recanto, lugar, territorio... que reclamen como de seu, ou mesmo en calidade de "co-propietarios morais", e cuxa chave agachen con especial desvelo na máis protexida das (súas) gavetas. Trátase, xa que logo, dunha circunscrición que, non importa cal veña ser o tamaño, devén sempre en moi benamado tesouro: unha xoia, alfaia escintilante e máxica da que tan só pode concibirse como dono o corazón.

E é que sucede cos lugares, confórmense estes xa como eidos, casais, burgos, aldeas... bisbarras ou países enteiros, aquilo mesmo que vén acontecer coas músicas: quen non posúe, ou pensa posuír, o dominio das corcheas dunha canción única e senlleira, tal e como se o autor apenas a pensase para nós (e, claro é, para nosa mellor compañía) en días/noites de viño e de rosas?

Se unha idea de patria aparece común para todos os bos e xenerosos, esa non pode ser outra que a que nos indica a posesión, tan inmaterial como certeira, dunha herdade a falarnos da infancia ou da adolescencia xentís, dos seres queridos que estáne e/ou que xa se foron, dos amores pasados e presentes, dun futuro de ledas utopías onde atopar a converxencia dos espíritos libres. "A beleza é verdade; a verdade, beleza. Isto é todo o que sabes sobre a terra, e todo o que precisas saber", deixou escrito John Keats. Acaso tan só poida concluírse semellante designio no reino da poesía; pero do reino dos versos tamén son os corpos e foi aquel mesmo espléndido poeta quen engadiu aínda que os adoraba arreo "porque a carne é honesta e os órganos nunca menten". Carne e vida; vida e poesía; poesía e terra.

Os uns -os arousáns- dinlle A Arousa; os outros, simplemente, falan d'A Illa. Que máis ten?, ao cabo tamén hai quen diga "os Rolling" e aqueloutros que retruquen "os Stones"; en todo caso, todos, absolutamente todos, teñen -temos- dereito pleno a formar parte do club. Pola parte que lle toca a este, seu, cronista, botei a solicitude para formar parte do mesmo xa hai moito tempo: naquela xeira era necesario, primeiro, subir ao tren da mañá, case nas horas do amencer, e viaxar desde o meu norte nativo deica Vilagarcía. Logo había que apañarse como fose e tirar onde Vilanova para achegarnos cabo do pequeno barco do capitán Santos. Nin que dicir ten, a confraría tiña ben poucos membros neses días; modesta, pero firmemente, creo ter contribuído con paixón e firmeza, e ao longo dos anos, a reclutar asinaturas para ela: amigos, familiares...; trátase de historias pequenas de sal e de amor de meu.

Andando as décadas, e metido no oficio de imaxinar ficcións, velaí que fun artellar esa que ten como protagonista principal a Xosé Ánxel Viana -lean Vdes., se tal lles parece, as páxinas de "Como en Alxeria" e saiban disimular este pequeno anaco de publicidade-, arousán de novela a amosarlle á resplandecente, por máis que inquietante, Paloma, os areais de Camaxe, Comasiñas, as Salinas, Escorregadeira, Os Bufos, a Area da Secada... ao tempo que tamén as chemineas das conserveiras a xurdiren, entre as casiñas do istmo. Nin que dicir ten, unha Arousa de fins dos 50-comezos dos 60 do século pasado apenas a enxergar unha ponte que a conectase co "continente" e que habería de demorar aínda vinte e cinco anos: xustamente deica aquel 14 de setembro de 1985.

Leo agora nalgún xornal ou revista que A Arousa (A Illa) pode ir camiño de constituírse na "Formentera galega". Que queren que lles diga/escriba a Vdes.? Algo no corazón anda a insinuarme incertezas, dúbidas, receos e sospeitas diante da eclosión do turismo "cool". Porén, algunha lección vella -xa saben, Corintios, 13- vénme lembrar así mesmo que o amor, para ser tal, non pode mostrarse envexoso nin orgulloso; e nunca xamais, egoísta. É certo; os tesouros, e máis no caso dos tesouros secretos, deben gardarse moi ben. Así e todo, o segredo d'A Illa non vén ser outro que o segredo da felicidade. Turismo cool ou turismo de masas: en calquera caso, como negarlle tal premio a todos aqueles que o procuren e merezan?

Kitsch, retrucou Vde? Descritos están os perigos da prosa pseudo-bíblica -e acabamos de citar os Corintios!-, en fin... Con todo, se o que Vdes. procuran realmente é algo así como unha fruición estética complexa e responsable.... mellor, pasen de largo (e da Arousa, claro é). Se, asemade, devezan por unha experiencia privilexiada e, ao tempo, accesible/asequible... compren un "Tutto Pavarotti", lean a Paulo Coelho e, igualmente, vaian directos para Formentera. Agora ben; se o único que buscan é gozar dos mellores efectos, sen máis... daquela que nin lles importe a cuestión; ao cabo, explicáronnos ben Herman Broch e mais Umberto Eco, que sen un pouco de kitsch.... vaia; sen un pouco de kitsch non hai maneira nin xeito de prender unha pipa feliz. Daquela, teñan por certo que o club da Arousa lles dará a benvida.

Compartir el artículo

stats