Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Arte, nova, Lalín agora

En Lalín (non confundir Lalín do Conde de Barcelos), con razón ou sen ela, o liberalismo centralista deseñou un concello cara o N. da provincia de Pontevedra non que floreceron mentes matemáticas privilexiadas, artistas relevantes, autores literarios recoñecidos e mesmo un aviador Dro propio. Parecía que as redes negras do PP en Lalín ían ser permanentes. Mais non. O partido de Fraga Iribarne foi despedido do goberno municipal da única maneira realmente posíbel. Ou sexa, mediante unha ampla coalición progresista e nacionalista. A actividade cultural promovida polos entes públicos indica sempre o cariz das élites gobernantes.

O vello Lalín promovera, e nada mal, unha Bienal Laxeiro de arte que os novos tempos e as novas xeracións políticas queren mudar. Sempre nos ceos de Lalín voarán, coma os amantes nas pinturas de Chagall, as iconas de Sucasas, Laxeiro, Colmeiro. E hai anos que a imaxinación de Lalín se arrequenta con outros e outras artistas. Por non decirmos outros anxos activos e vivos na grande obra de transmutar un mundo hostil noutro falangueiro. Ao mudar a política, a Bienal Laxeiro mudou o escaparate ou montra, desde a raíz do discurso ideolóxico. A concellería de cultura que rexe Lara Rodríguez, e a actual maioranza municipal, alén de nos facer aos galegos o favor de manter en alto-en-peso a Bienal Laxeiro, imprimiulle a esta unha virada en redondo. So a dirección de Anxel Calvo Ulloa, ben asistido por un Curatorium espelido, a Bienal moveuse en dirección a outra (Arte Outra, dicíamos) poboación de defuntos que seguen a sobrevoarnos. Foi Lalín, Bienal, procurar as pantasmas de Reimundo Patiño e Xohán Casal, que se resisten a deixar a Rúa da Torre e Ventorrillo da Coruña.

Quixo, así a Bienal de Lalín, número 13, arexar aquela idea que leva incorporada a luz vermella na cal se abrasa o lucincú do abraio. Hai unha cultura nosa que se sitúa no paso dialectico de todas as cousas e sabe zugar vida da localidade cultural que se arreda do mercado; A Bienal Decimoterza de Lalín tivo un centro de sentido en Emilio Araúxo; o filósofo, o poeta o entropólogo, o fotógrafo que leva anos fulminando refachos de luz contra o esquenzo. En connivencia estiveron na Bienal de Lalín, as plásticas contraconvencionais, e benvidas elas sexan. E tamén sairon á praza e á feira nacional-popular que a Bienal dos poetas novos e novas nos que predomina o número branco da esperanza que xermola estremeiras infinitamente destituídas. Da poesía encargouse, na Bienal de Lalín, Chus Pato, asentada nas ribeiras do Deza, cabo das linfas que arroian sen fin e sen principio. En realidade as novas presenzas que en Lalín se evidenciaron están a avisar con naturalidade e alto estilo que as estrelas e astros de don Ramón Aller coinciden co Mais Aláteo de Manuel Antonio.

Compartir el artículo

stats