Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

¡Socorro, destapádeme!

Debaixo de tanto cemento vai un río cheo de vida, o Gafos condeado a oscuridade sen culpa. Non é tempo xa de que se destape aínda que só fora o tramo dende a rúa Alcalde Hevia ata a zona escolar? Que mal fixo o río para que aínda estea condeado a non sentir as raiolas do sol ao paso da cidade camiño de ir morrer nas Corbaceiras.

Que tristura un río sen luz cando reverdecen as árbores e non se poden espellear nas súas augas, nin escoitar o balbordo das xentes ao pasar polas súas orelas, nin o rechouchío dos paxaros nas ponlas onde teñen o seu fogar. Sen poder escoitar o canto do cuco pregoeiro do bo tempo co agromar da primavera nin sentir o recendo do fiuncho e flores ventureiras que agroman nas beiras. Pobre Gafos, que baixa cego no seu devalar paseniño ata ir morrer xunto ao seu irmán grande, o Lérez. Velaí vai na oscuridade coa compaña dos peixes cegos, na procura da luz, sen entender por que o condean a pasar pola cidade agochado. Que mal lle fixo o río á xente para que sintan vergoña de el e o teñan agochado.

Onde están os ecoloxistas e defensores da natureza, que deixan ao río so? Non e tempo dabondo para que as xentes se mobilicen e non consistan o aldraxe de que un río que sería un orgullo para calquer cidade aquí o teñamos tapado? Campolongo, onde vai o río agochado na nosa infancia, era un paraíso, un verxel a carón da cidade, era a nosa selva cando saíamos nas sesións infantís de cine no Malvar ou o Victoria. Era o noso Nilo ou Amazonas ou o Missisipi nas primeiras lecturas e aventuras de nenez, a despensa onde atopabamos o necesario na festa dos Maios ou nas Fogueiras polo San Xoán. Un río de xogos e aventuras, pero tamén de riqueza para as xentes que vivían ao seu carón cheo de muíños e lavadoiros, que xerou moita riqueza noutro tempo. Un paraíso perdido pero con vontade recuperable.

Un río é un agasallo da natureza que xa estaba hai moito antes que nós, que estamos de paso, que non ten dono, que é unha herdanza dos nosos devanceiros e temos a obriga de deixalo igual que o atopamos: limpo e descontamiñado, para que xeracións vindeiras non atopen unha esterqueira ou un río sen luz. Nós non somos quen de roubarlle espazo nin cambear o seu cauce porque nos estorba, nin sobor de todo tapalo. Ninguén que construia no seu cauce pode queixarse despois se nunha riada lla derruba. Un río ten memoria e sempre volta ao rego, porque sempre estivo aí. Xa cando aos Gafos os leprosos que lle deron o nome lavaban as suas feridas para poder entrar na Boa Vila, sabían do su valor eo coidaban. Tamén os peregrinos que facían o Camiño de Compostela a carón da frescura eo marmurio das augas do río. Non é tempo xa dabondo para destapar o Gafos?

Compartir el artículo

stats