Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Guam e cans hidrófobos

Esta illa do Pacífico foi descoberta por Fernão de Magalhães, que era de acó embaixo, da cidade do Porto. Foi no 1521. Guam pertenceu á España até o ano de nacemento do pobre do meu pai, ou sexa 1898. Daquela, invadiu Guam o exército norteamericano. O 6 de agosto de 1945 unha superfortaleza voante norteamericana cargada coa bomba atómica despegou de Guam, illa que a penas deixara de ser española cuarenta e sete anos antes. O avión deixou cair a bomba sobre pombas picassianas, animais e vexetais, obras de arte e pescarías, militaristas e persoas comúns da cidade de Hiroxima. O día nove, unha segunda bomba nuclear aniquilaba a cidade de Nagasaki con toda a súa humanidade e con aquel aparato industrial de Mitsubishi que levaba incorporadas na alma metálica as trazas básicas de verea errada do Xapón contemporáneo. En agosto de 1945 xa as armas soviéticas, chinesas, vietnamitas e outras nacionalpopulares venceran o imperialismo xaponés coa dignidade incorporada á boca dos seus fusís. As bombas, pois, sobre as cidades xaponesas representan un crime de guerra que nunca foi sometido a xuízo. Atreveuse a xulgalo un poeta castelán da xeración de 1927, e as súas palabras foron rexeitadas vastamente pola academia hispanista. Guam, illa española cuxa perda non recibiu o pranto dos escritores da xeración do 98, é parte das Marianas, antes Islas de los Ladrones.

En 1977 os EEUU fixeron das Marianas unha colonia tipo Puerto Rico. Os EE UU borraron das Marianas todo vestixio da lingua castelá e daquela cultura que os españolistas están dispostos a defender con todas as súas armas contra o catalanismo. O Instituto de Cultura Hispánica de Fraga Iribarne e de Franco nin alzou a voz contra o exterminio da cultura española colonial nas Marianas, incluindo Guam nesas islas. Guam converteuse despois nunha especie de Guantánamo. Nun territorio no que non rexe o dereito de xentes nin tampouco os dereitos humanos. Hoxe Guam é unha base militar inmensa que serve para que o Imperio ameace Corea do Norte, China, Vietnam. Non existe ningún tipo de democracia vixente dentro de Guam. É esta a situación na cal a República Democrática Popular de Corea ameaza con lanzar sobre augas internacionais limítrofes coas norteamericanas de Guam un pepinazo autopropulsado colosal aínda que non operativo. Velaí Guam ameazada, e con ela o Imperio que bombardeou con armas atómicas Hiroxima e Nagasaki en 1945. Acórdome moi ben daquel agosto de 1945: o calor en Ourense era infernal e andaban cans doentes polas marxes do río da Barbaña e do seu afluente o río dos Muiños. O poeta español esquencido é Pedro Salinas.

Compartir el artículo

stats