Lois Pérez Leira informa: o novo ministro dos negocios estranxeiros da Venezuela (eles din "canciller") é Jorge Arriaza, quen pasou parte da súa nenez e adolescencia en Vigo, Galicia. O seu pai era cónsul aquí.

Celso Emilio Ferreiro morou na IV Transversal de Maripérez, Caracas, na caidanca do Monte Álvila. O chavismo diulle o nome do poeta de Celanova a esta rúa. Celso Emilio, vigués de longa duración, nos seus anos venezolanos estivo duramente enfrontado cos elementos franquistas da colonia galega de aló. Por entón formaba parte do núcleo nacionalista e antifranquista da Irmandade Galega de Caracas o doutor Darío Álvarez Gándara, inesquencíbel amigo vigués.

Tamén integrou as fileiras ideolóxicas de esquerda no combate ao País dos Ananos o xornalista, orixinario de Bouzas, Xulio Formoso. Alí estaba, noviño, o seu fillo, artista innovador que lle puxo música a poemas famosos, en galego, de Farruco Sesto Novás.

Farruco, natural de Vigo e poeta en galego, home de pensamento e arquitecto venezolano e urbanista innovador e nacionalpopular. O galego Farruco foi ministro e colaborador moi influente de Chávez. El segue nesa liña.

Logo vén Gráficas Numen, unha imprenta de Velázquez Moreno, Vigo, que editou clandestinamente un libro de Celso Emilio Ferreiro en pleno franquismo e a catro pasos do local onde exercía as súas funcións represivas a Brigada Político-Social. Procedente da familia Noya, propietaria de Gráficas Numen, está hoxe en Caracas Xoán Noya, un rapaz que coido que segue a ser vice-ministro con Nicolás Maduro sen deixar de usar o seu nome en galego. Din que os galegos de Venezuela son refractarios ao chavismo, pero non é certo. Uns son e outros non.

Por seguirmos co bolivarismo, imos lembrar que o pai de Farruco Sesto, Xosé Sesto, alén de tocarlle no pasado o triste deber de ser acompañante de Alexandre Bóveda na noite que precedeu ao seu fusilamento, era home que admirou fondamente a Simón Bolívar. Xosé Sesto viviu longos anos en Vigo e a súa pegada como debuxante e como escritor non é difícil de achar nos libros de Galaxia e no FARO DE VIGO dos anos cincuenta do século XX. Sesto Pai emigrou a Caracas e remexeu no Padre Crespo e en todos os xenealoxistas e historiadores que investigaron a familia de Simón Bolívar. Divulgou Sesto o feito, absolutamente certo, de que Bolívar tiña antepasados galegos e de que, se cadra, pasou a noite de vodas na casa familiar de Pena Redonda, na freguesía coruñesa de Elviña. Sostén Xosé Sesto que a admiración de Bolívar por John Moore tiña algo que ver coa morte deste xeneral na batalla de Elviña.

Hoxe alí hai un monumento a Simón Bolívar, aínda que a mansión de Pena Redonda foi feita desaparecer. En Vigo temos unha rúa de Venezuela no meo da cal tamén se ergue unha cachola, que evoca Simón Bolívar, hoxe non demasiado ben coidada polos servizos privatizados da limpeza municipal. Miserias do neoliberalismo.