Hoxe neste agosto e da man de Alexandre Bóveda (refusilado por actitudes que ben observamos nestes días de declaracións de non pouca barbarie) celebramos con maior intensidade e así con máis acento o día da Galiza Mártir e xa que logo a memoria de todas e de todos os mártires, os cales nos días de tres anos de guerra (in)civil, corenta de dictadura e trinta e oito de silencio, nuns casos sufriron morte, trasterro, exílio e noutros cadea e actitudes pouco solidarias cara elas e eles por parte das súas veciñanzas, pois non eran vistos, nin considerados, nin elas e eles, nin os seus fillos, como xentes de orde e cidadanía, máis ben diríase que sospeitosas. Non daban a talla para aqueles mediocres vencedores que se dicían e dinse forzas vivas. E nisto tamén desde logo había medo a que as sufridoras e os sufridores, perdedoras e perdedores, abrisen boca ou mesmo insinuasen un algo das verdades ocorridas e polo mesmo estaban controlados e vixiados con non pouca atención. Marxinados tamén.Cantas, a mais das mortes, durante anos foron as detencións caprichosas e intencionadas, as malleiras, as falsas culpabilidades, as sacas e os delatos, as roubachas e extorsións. Cantos os abusos.

Moi en especial, sen desmerezo algún, quixer salientar un anaco de memoria deturpada, silenciada, no noso Concello. Por unha parte a da Corporación executada, da cal o seu pedido (a Rúa dos Mártires Estradenses) está en vía morta e tamén a das mulleres valentes e solidarias, cheas de dignidade, como Isaura (muller de Carracedo da Somoza), Filomena Coto, Josefa Campos, Francisca , Benedicta e Mercedes Castro, Laura e Rosa Porto e María, estas tres acusadas de prestar axuda económica a Isaura muller de Carracedo. Rebeldía e dignidade. Liberdade.

*Mestre estradense