No ano 1809 iníciase o movemento independentista das colonias españolas de América, formándose unha xunta de delegados de diversos territorios presidida polo boliviano Pedro Domingo Murillo. Na batalla de Chacaltaya os insurrectos foron vencidos e, entre outros, Murillo foi executado. As súas derradeiras palabras foron: "A tea que deixo acendida ninguén a poderá apagar".

O pasado 4 de xullo, o presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, co obxectivo de habilitar a convocatoria da consulta independentista anunciada para o un de outubro, cunha actitude desafiante presentou a Lei do Referendo de Autodeterminación de Cataluña, á que seguirá unha denominada norma suprema, prevista para finais de agosto, decretando un réxime xurídico excepcional. A consulta "vinculante, oficial e amparada por unha lei" non necesitaría un mínimo de participantes para que fose válida. De gañar o si, en 48 horas proclamaríase a independencia. Se o resultado fose negativo, Puigdemont convocaría eleccións autonómicas.

Case inmediatamente, na conmemoración do 40 aniversario da creación do Ministerio de Defensa, a ministra Mª Dolores de Cospedal fixo unha declaración sinalando que é función do Exército garantir a soberanía de España por terra, mar e aire. Pola súa parte, a vice-presidenta Soraya Sáenz de Santamaría, avisou de que pode parar a lei en 24 horas. Unha advertencia completamente innecesaria a primeira, alentadora de ruídos de sables; e, máis atinada, aínda que un chisco arrogante, a segunda. Aparte do seu carácter unilateral e de vulnerar a lexislación, coa súa temeraria e torpe iniciativa os secesionistas colocan a cidadanía catalá nunha situación complicada e o Estado nun grave problema. Problema que vimos arrastrando desde o ano 2012 en que Artur Mas, despois de ver rexeitadas as súas peticións para Cataluña nunha recepción concedida en Moncloa por Mariano Rajoy, decidiu emprender a deriva independentista, ameazando con forzar a ruptura co resto de España. Desde esa data, declaracións provocativas e desafortunadas por ambas as dúas partes véñense sucedendo permanentemente servindo só para obstaculizar o diálogo, frear o entendemento e a posibilidade de chegar a acordos razoables.

Cabe preguntarse por que en todo este tempo, antes de vernos ante feitos consumados, nada xe fixo por parte do Goberno para buscar solucións. Adoptando unha actitude de ir deixando que os problemas se resolvesen por si mesmos, tan propia del, Mariano Rajoy estivo sacando un rédito electoral indiscutible desta situación, para el e o seu partido, con continuadas declaracións contrarias ao independentismo, moi ben recibidas por todo o electorado de fóra de Cataluña. Non era iso en exclusiva o que cabía esperar do Goberno de España, nin o que nas situacións máis tensas se precisaba. A súa misión era abordar os problemas con rigor, dedicación, tempo e seriedade, acometendo desenvolvementos lexislativos oportunos e facendo un uso permanente do diálogo para buscar o entendemento á marxe de consideracións electoralistas.

En democracia non é o recurso ao Exército, como insinuou a Ministra, o que se debe utilizar para solucionar os problemas existentes, nin o argumento a exhibir para conseguir achegar posturas cara o logro dun entendemento satisfactorio para todas as partes. Non é a razón da fouce, senón a fouce da razón o que debe prevalecer, comezando por buscar unha implicación responsable de todas as forzas políticas nun diálogo sosegado e limpo, desposuído de compoñentes electoralistas, que impida deixar acendidas teas que logo ninguén poida apagar

*Veciño da Estrada