Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

O esplendor literario de Auriavella

A esencia dun pobo confórmaa a personalidade e sociabilidade. Galiza mantivo a súa idiosincrasia a pesar da etapa histórica dos séculos escuros e da longa noite de pedra. Xoan Manuel Pintos, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Alfredo Brañas e Manuel Curros subliminaron o século XIX conseguindo que Galiza recuperara a riqueza literaria do medievo.

Auriabella, así denominaba a Ourense a condesa de Pardo Bazán, durmiñou ata a Restauración na que espertou do seu letargo, parella ó resto de Galiza; deixou de ser eminentemente agrícola ainda que o sector vinícola mantivo a súa importancia; prodúxose logo a trasformación social e económica. O Ourense modernista tomou outros aires abríndose novas rúas (Paseo, antes Paz Nóvoa; San Domingo; Lamas Carvajal, antes Instituto; Concordia, antes Capitán Eloy e, ainda anteriormente, estrada de Trives); o crecemento demográfico foi proporcional: en 1857 ían censados 11.012 habitantes; en 1877, 12.856 e, en 1900, 15.194. No eido cultural as tertulias literarias e políticas producíanse principalmente na rúa das Tendas, esquina coa Praza Maior encabezada por Carbajal e Ojea; na propia Praza, no nº 8, na tenda de panos de Benito Fernández Alonso, reuníase a xente estudosa e distinguida encabezada por Marcelo Macías. As imprentas por excelencia foron a de Moldes, a dos fillos de Pedro Lozano, sita na rúa San Pedro, núm. 4, e a de Antonio Otero, ubicada na rúa Sanmiguel núm. 15. A finais do XIX se crearon catro institucións esenciais na sociabilidade ourensá: o Instituto chamado Centro de Instrución Pública, a carón do Xardín do Posio, hoxe denominado Otero Pedrayo; a Escola de Artes e Oficios e a Comisión Provincial de Monumentos, da que emanou o Boletín. Marcelo Macías foi director das dúas primeiras, da terceira vicepresidente e presidente da derradeira.

Auriabella conformou na súa xeografía urbana un marco no que se mesturaron cultura, entorno histórico e social plasmado nunha dobre eclosión que durou case século e medio; é dicir, trascurriu durante case todo o século XIX e a primeira metade do XX: A decimonónica tiña unha afouteza como poucas cidades conseguiron e que converteu a Ourense na "Atenas de Galiza". Como consecuencia desta primeira etapa, a segunda céntrase en tres figuras nacidas entre 1884 y 1888: Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas. Ámbolos tres foron a base da revolución cultural do primeiro tercio do século XX, aportando para Galiza o seu proxecto literario inmorredoiro: A XERACIÓN NÓS; tiña neles o seu cerne acrecentado con outras figuras como Castelao, Bóveda, Losada Diéguez, os irmáns Vilar Ponte e Arturo Noguerol Buján.

Semella incrible que nun espazo físico tan pequeno houbera tal concorrencia de escritores, pensadores, historiadores, arqueólogos, filólogos de alto nivel como era o casco antigo da cidade das Burgas; case todos eles coñecíanse e eran amigos, compañeiros dos mesmos idearios, vivencias e pensamentos, veciños que viviran na mesma casa ainda que en etapas distintas; daquela socialmente era normal que os ourensáns de nacemento ou adoción trocaran, a miudo, de vivenda dado que non eran propietarios. Moitos tiñan o nexo de unión noutras cidades ou vilas de Galiza: Manuel Curros, os Muruais de Pontevedra, curmans de Filomena Dato, Manuel Murguía, Ramón María de Valle-Inclán, Sofía Casanova, Salvador Cabeza de León, Heraclio Pérez Placer, Alejandro Pérez Lugín, e, especialmente, Emilia Pardo Bazán, que con esa súa cultura e abraiante personalidade era amiga deles. Alguns dos personaxes que emerxen neste texto non naceron en Ourense, pero se integraron nel de tal xeito que, coa súa sona e prestixio amparada na obra propia, axudaron a Auriabella a ser considerada a segunda cidade máis literaria do mundo despois do Dublín de Joyce. Están todos eles contextualizados na mesma; se faltaran, Ourense perdería ese seu carácter. Da etapa decimonónica, algúns dos culpables da eclosión cultural merecen ser incluídos e tratados neste texto: Filomena Dato Muruais, Marcelo Macías, Valentín Lamas Carvajal, Antonio Rey Soto, Juan Antonio Saco e Arce, José García Mosquera, Valentín de Nóvoa, Alberto García Ferreiro e Benito Fernández Alonso, ainda que debo sinalar que Filomena Dato, Rey Soto e Marcelo Macías tamen fixeron traballos importantes durante todo o primeiro tercio do século XX.

En relación coa denominada segunda eclosión, datada especialmente no primeiro tercio do século XX debemos citar a Vicente Martínez-Risco e Agüero, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Arturo Noguerol Buján, Xaquin Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo e Alexandre Bóveda, case todos integrados na Xeración Nós ou continuadores da mesma. Algúns como Noguerol ou Bóveda concretaron o seu labor nese primeiro tercio do século XX ó ver cercenada a súa vida pola Guerra Civil; o resto continuou o seu traballo ata ben entrado o século. Só queda mentar a Antonio Rey Soto, personaxe importante para a cultura ourensá; ainda que non se encadra en ningún dos grupos anteditos; relacionouse con eles e, dada a súa personalidade e traballos por el realizados, considero imprescindible a súa inclusión.

Ourense, lembrando esta nómina de fillos nativos e adoptivos que cos seus estudos e textos a elevaron ó cumio literario universal durante século e medio, debe recuperar o esplendor literario que tivo e que a fixo ser querida e respectada.

Compartir el artículo

stats