Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Concertos en Castrelos

Poucas experiencias coñezo máis xenuinamente viguesas que as noites de concerto en Castrelos. Dende 1954 o anfiteatro abovedado polas árbores da Finca da Marquesa acolleu centos de concertos que constitúen a cerna dunhas festas de Vigo, que como tales nunca existiron. Ao longo de seis décadas, os vigueses e as viguesas transmitiron de xeración a xeración o "espírito de Castrelos", cos seus ritos e os seus costumes (o carácter gratuíto para boa parte dos asistentes, a paciencia nas esperas, os bocadillos, as mantas para se amparar da viruxe da noitiña), capaces de crear unha atmosfera máxica que leva abrazado a milleiros de artistas dos xéneros e estilos máis diversos que lembran "Vigo" como un dos mellores escenarios populares que teñen visitado.

O paso destas noites de concerto foi marcando as nosas vidas. No caso da miña xeración, a dos que nacemos entre finais dos cincuenta e comezos dos sesenta, iniciámonos coas funcións de tarde dos monifates de Gorgorito e cos recitais de Raphael e Lola Flores, e con aquelas noites dos "Festivais de España", onde no tardofranquismo se mesturaban as funcións do bailarín Antonio coas zarzuelas de "La Gran Vía". Xa de adolescentes, a finais dos setenta, coincidindo co inicio da mal chamada Transición, as de Castrelos foron as nosas noites de liberdade, as das primeiras saídas nocturnas, acendendo os bics nos recitais de Lluis Llach, Luis Eduardo Aute, Víctor Manuel, María del Mar Bonet, Silvio Rodríguez ou Pablo Milanés, entre tantos outros dos cantores de entón.

Nas gradas de Castrelos vivimos os primeiros concertos dos Milladoiro que atuaban aos míticos irlandeses The Chieftains ou a aquel Alan Stivell, o bretón dos himnos que pedían a liberdade para os países célticos. En Castrelos escoitamos a harpa de Emilio Cao, cantamos con Fuxan os Ventos, acompañamos ao Suso Vaamonde e a boa xente da Roda. No seu poleiro espellámonos como xeración Polycomander cos numerosos concertos de Siniestro Total (1985, 2008, 2012), que fixeron de Castrelos o seu primeiro palco, e dos Resentidos de Antón Reixa que en 1985 anunciaron que Vigo tiña por capital Lisboa. En Castrelos quedamos asombrados en 1996 coa presentación do primeiro disco de Carlos Núñez, "A irmandade das estrelas", ou co seu concerto de 2004, con motivo do seu 33 aniversario, no que foi acompañado por The Chieftains e a acordeonista irlandesa Sharon Sannon. Non hai dúbida que o de Castrelos foi un dos palcos que consagrou a boa parte da música galega, dende Berrogueto (2004) e Treixadura (2007) a Iván Ferreiro (2008), Eladio y los seres queridos (2011) e Sondeseu Orquestra Folk de Galicia (2013), por citar apenas algúns concertos que lembramos.

Dende hai tres décadas, dependendo das posibilidades económicas do concello e do entusiasmo musical dos seus responsables políticos (alcaldías incluídas), da habilidade dos programadores, da dispoñibilidade dos artistas de moda de cada momento, como do evoluír daquel primeiro "Festival celta" que creou Paco Santomé ou do "Para Vigo me voy" da concelleira Isaura Abelairas, en Castrelos deixaron a súa pegada artistas internacionais, nunha relación de concertos imposible de lembrar na súa totalidade: Jose Afonso (1985), Gwendall (1985), Mike Oldfield (1993), Metallica (1999), Deep Purple (2000), Gloria Gaynor (2001), Beach Boys (2001), Oasis (2002), Caetano Veloso (2003), Dulce Pontes (2004), The Prodigy (2005), Pet Shop Boys (2006), Franz Ferdinand (2006), Arctic Monkeys (2007), Roger Hodgson (2008), Ruben Blades (2008), Keane (2009), Leonard Cohen (2009), Norah Jones (2010), Patti Smith (2010), Public Enemy (2010), Joan Manuel Serrat (2010), Juanes (2011), Jamie Cullun (2014)...

Tras varios anos de moi pobre programación en Castrelos, á que non foi allea a vacilante política do actual equipo de goberno arredor das festas da cidade, a alcaldía decidiu reactivala este ano con concertos excelentes como os de The Pretenders, Crystal Fighters ou Miguel Bosé, adiantando o ouro e o mouro para o vindeiro ano, no que prometeu un concerto no que asistirían un millón de persoas. Alén do ditirambo que semellante anuncio supón, como tan outros aos que nos ten afeitos Abel Caballero nas súas intervencións, botamos en falta que este ano non se incluíse nin un só concerto de música galega, tanto na programación da noite como na infantil da tarde. A música de noso foi expulsada de Castrelos, a pesar de que o sector musical galego conta cunha nómina artística de gran calidade e dirixida a públicos diversos. Os responsables municipais da programación das tardes infantís e dos concertos das noites de Castrelos, unha peza da identidade colectiva de Vigo, non poden discriminar nin a nosa música nin aos nosos músicos como acaban de facer estes días.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats