Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os regalos a Franco

Un excelente artigo de Juan Manuel Ponte sobre a exposición de agasallos recibidos pola raíña Elizabeth ou Sabela de Inglaterra (de Escocia non queremos) fíxome acordante doutra exposición que tivemos oportunido visitar no Museo Nacional de Irlanda, en Dublin. Esta presenta de xeito permanente, os regalos recibidos por Eamon De Valera, que foi presidente do Eire.

Entre os valiosos obxectos que se amostran, non lonxe do labirinto de Hollywood que é idéntico ao de Mogor, figura a reproducción en ouro macizo dun torques celta (si, si) achada nun dos lugares de Galicia chamados Cabanas ou Cabana. Como eu non son arqueólogo só sabería acrecentar que a reproducción está asinada polo ourive galego Malde. Franco regaloulle a De Valera o torques, asesorado (penso) por F.J. Sánchez Cantón seguramente para encriptar unha certa e nebulosa afinidade atlántica, que engadir ao catolicismo romano que unía os corazóns do xefe republicano irlandés e o dictador fascista de orixe galega. O regalo ofrecido por Franco, pois, quedou en poder do estado irlandés e como propiedade nacional exíbese no máis importante dos museos da Illa. E veleiquí que, anos antes da visita de De Valera a Franco este recibira como presente de agradecemento as chamadas Torres ou Granxa de Meirás, onda Sada, que el e os seus (como advenedizos) se aptesaron a recalificar como "pazo". Estas Torres e propiedade de Meirás son producto de feituría e manipulación neomedieval. A autora: Amalia Rúa Figueroa, nai de Emilia Pardo Bazán, de ilustre familia de intelectuais, e ela mesma pintora afeccionada. Máis retoques de interiores e xardinaría, foronlle aplicados a Meirás por Emilia e o seu marido José Quiroga, que era ebanista artístico de certo talento. Ora ben, dado que a Blanca Nieves Quiroga e Pardo Bazán, marquesa de Cavalcantti e filla de José e Emilia, lle pareceu moi mal que a obrigasen a ela a malvender as Torres ou Granxa de Meirás, meteu en camións o máis valioso en materia de propiedades mobeis, e levouno para a casa familiar da Rúa das Tabernas na Coruña.

Convén saber que, so a presidencia de Sebastián Martínez-Risco, Blanca Quiroga portouse un mundo ben e dooulle á Academia Galega a casa das Tabernas con todas as pinturas, tapices, curnocopias, arcas, camas, espellos e fantasmas que contiña. Resaltemos de forma particular que a importante biblioteca de Meirás non foi parar a mans do Caudillo e hoxe forma parte dos fondos da RAG. Esta institución pagou tan xenerosa doazón mantendo aberto e ben instalado un museo consagrado á memoria de Emilia Pardo Bazán. En todo caso, a familia de Franco faría moi ben en entregarlle ao pobo o que eles chaman pomposamente "pazo". Véxoos máis ben coa intención de crear naquela casa un templo consagrado a perpetuar a memoria do dictador a converterse centro de peregrinación dos seus devotos. En todo caso a RAG xa hai tempo que lle retirou a Franco ás distincións que lle concedera outrora.

Compartir el artículo

stats