Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Da riqueza das nacións sen estado

Hai xente en Galicia que está en contra do fomento do noso idioma porque, segundo eles, carece de utilidade práctica ou sexa que non serve para gañar diñeiro. Cataluña e Euskadi son lugares aos que emigran e emigraron sempre os galegos que non conseguían gañar a vida decentemente na súa Terra. Cataluña e Euskadi constitúen os territorios máis ricos e avanzados do Estado Español. Neles dous, a presión nacionalista ocasionou que se puxeran en práctica políticas educativas e sociais de inmersión lingüística en catalán e vasco. A consecuencia foi que os inmigrantes galegos en Euskadi e en Cataluña viron como os seus fillos se vasquizaban e se catalanizaban, co cal resultaron favorecidos nas súas vidas laborais e negocios. A política lingüística vasquizante e catalanizante produciu riqueza e favoreceu a vida económica. O atraso político de Galicia faise evidente no feito de que o noso nacionalismo ocupa un lugar secundario. Por iso, por estarmos gobernados por partidos que non acreditan na condición nacional de Galicia e non favorecen a inmersión lingüística en galego, na escola e na vida pública e económica, esta vella nación, camiña moi por tras de Euskadi e Cataluña. Os que pensan que o galego non é bo para os negocios teñen agora diante súa Abanca, que fai máis gasto de propaganda en galego nun día que todas as antigas caixas de aforro fixeron en toda a súa existencia. E iso que Abanca é unha empresa venezolana cuxa central, Banesco, non foi nacionalizada nin por Chávez nin por Maduro. Os que miramos tan preocupados por Venezuela estes días podía explicarnos porque o PP, despois de forzar a fusión das caixas galegas, lle meteu o resultado nas mans a uns banqueiros venezolanos. Venezolanos, pero que se expresan en galego. Naturalmente, á marca galega de Banesco non penso que a mova outra cousa que o afán de lucro inherente a toda sociedade de banca.

Pero eles saben que usando o galego máis ca usaba, poño por caso, Gayoso nas súas propagandas, podese facer bos negocios. Isto non é o que pensan, por exemplo, as conserveiras galegas de peixe. Estas, sempre acompañan os seus productos con información escrita e publicidade en castelán, e non poucas veces esquencen explicitar que o producto está enlatado nun lugar do mundo chamado Galicia. En realidade, eu só quería escribir unha columna para celebrar o feito de que o premio Celanova. Casa dos Poetas lle fora concedido a Estrella de Galicia. Non é que eu simpatice, que o fago, coa estrela vermella da libertade dos pobos que evocan as súas botellas. É que o ancoramento no seu País e o orgullo de ser galegos no que se fundamenta toda a publicidade de Hijos (ou Fillos) de Rivera é unha demostración de que se pode ter éxito, e éxito alapeante, cunha imaxe corporativa de fidelidade á patria galega e respecto e amor polo seu idioma.

Compartir el artículo

stats