A Abraham Lincoln atribúeselle unha afortunada frase que expresa atinadamente os límites do engano: "Podes enganar por algún tempo a todo o mundo, podes enganar durante todo o tempo a algunhas persoas; pero non podes enganar a todo o mundo durante todo o tempo".

Segundo a Comisión Europea, España ten un grave problema de corrupción. O desvío de fondos públicos vai parello coa falla dunha estratexia definida para previlo. Faltan instrumentos legais e medios para combater o fraude e protexer os denunciantes. Hai que reformar a Lei de procesamento criminal para que posibilite construír sólidas acusacións. Hai que elaborar normas de contratación pública que penalicen as empresas implicadas en subornos, así como a intermediarios e políticos que os acepten. Hai que reforzar a xustiza, etc., pero sobre todo falta unha verdadeira vontade lexislativa para erradicar a corrupción, xa que son os partidos políticos e persoas que ostentan o poder os primeiros beneficiados da falta de control e transparencia.

No caso Palau, outra vez nos medios, aínda que o único imputado de CDC é o ex-tesoureiro, Daniel Osácar, ademais de Félix Millet, ex-presidente do Palau, saqueador confeso da institución, cabe sospeitar que altos responsables da formación, rebautizada como PDeCAT, mentres dicían España róubanos, participaron no cobro de comisións ilegais por obra pública. Os indicios de pagos de mordidas de Ferrovial a Converxencia son evidentes. Na investigación do 3% a fiscalía anticorrupción considera ao ex-conseller Gordó como o recadador de comisións. Unha das vías eran os convenios de colaboración entre o Palau e a Fundación Trias Fargas, vencellada a Converxencia.

Un modus operandi igual ao utilizado no caso Palau, segundo sostén a policía xudicial, era o utilizado por J. Pujol Ferrusola para o cobro de comisións ilícitas. Unha fundación utilizada para o financiamento de equipos de rugby desviaba aportacións para proveito propio do clan dos Pujol. Tamén se detalla a recadación por parte de Pujol Ferrusola, actuando como intermediario en obra pública, de algo máis de 5 millóns de euros de contratistas públicos da Generalitat a través da mesma fundación.

A entidade andorrana Andbank, na que a familia Pujol ocultou ata o ano 2010 a súa fortuna, aporta probas de operacións realizadas a través dun condutor. Por exemplo o retiro en 2003 de 2.352.278 euros en metálico, sendo aínda Pujol Soley presidente da Generalitat. Son curiosas certas expresións utilizadas pola familia para mover a súa fortuna, como a palabra clave reverendo coa que se denominaba ao que foi o seu xestor bancario ata 2001, Josep María Pallerola. Ou nai superiora da congregación para apelar a Marta Ferrusola.

Entre a documentación recibida de Andorra na Audiencia Nacional figuran probas que reforzan a idea de que a familia Pujol actuaba coma un clan organizado. Como exemplo, un manuscrito dirixido a Pallerola no ano 1997 ordenándolle que repartise 24 millóns de pesetas entre os irmáns.

Talvez o España róubanos, tantas veces utilizado polo mesmo presidente da Generalitat, Jordi Pujol Soley, desposuído do título de moi honorable, non era máis ca unha cortina de fume para distraer a atención de onde estaba o verdadeiro saqueo de fondos públicos mediante artificios instrumentais. Esperando a que se coñeza toda a verdade, recordamos a frase de Lincoln: non se pode enganar a todo o mundo durante todo o tempo.

*Veciño da Estrada.