Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Privatización da guerra

En Oriente Medio, exércitos mercenarios varios, entre os cales sobrancea o chamado Estado Islámico, combaten no nome do Deus Terríbel e do imposíbel Deus Moderado, contra as forzas do laicismo e do cristianismo (así din eles, créanme). Os almorábides de novo queren derrubar aquilo que agora chaman "réxime" do doutor Bacher El-Assad.

Gústame mirar que os exércitos públicos e estatais de Rusia e Siria estean impedindo que exércitos privados se apoderen do petróleo, do gas, da auga, que hoxe pertencen ao pobo árabe por lle entregaren todo a corporacións transnacionais conforme ao modelo libio e iraquí. Gracias a Rusia e á solidez do Estado sirio está a resultar imposíbel que o Imperio acade o obxectivo de enforcar polo pescozo ou triturar o corpo de Bacher El-Assad como fixo con Saddam Hussein e Moamar Gaddafi mentres os "demócratas" de todo o mundo batían as palmas.

Esta situación está a ser de xeral coñecemento. E iso até o punto de que John Le Carré trata da "corporativización da guerra" na súa última novela (A Delicate Truth, "Unha delicada verdade", 2015). Nela, un funcionario do Foreign Office comproba horrorizado como a compañía privada de acción bélica que leva o delicadísimo nome de Efectos Éticos, suplanta ao Mi6 e ao goberno británico neolaborista que contrata os seus servizos ilegais pero correctamente inscritos na ideoloxía neocon.

A rede de contratistas de guerra e subversión é actualmente moi fecheira. A multiplicación de organizacións de mercenarios é un feito consabido. Nos edificios oficiais de España vense cada vez máis uniformes de seguridade privada e menos da garda civil e policía nacional. E non estou a falar de soldados de fortuna que van a África a crear Katangas e a instaurar gobernos neocoloniais corruptos en favor de tales ou cales intereses capitalistas. Falo de contratistas que actúan en conflictos europeos e americanos, como poden ser os de Ucraina ou o de Venezuela. A CIA e o FBI, naturalmente estatais, non parecen cómodos co presidente dos EEUU. Un motor do Estado Islámico, Arabia Saudí, está en guerra de baixa intensidade con Qatar, igualmente promotor de faccións armadas islamistas. Sempre houbo lansquenetes, e certos mouros viñeron contra nós, con Franco, pola paga e polo botín.

Nada hai novo baixo o sol e a relixión como propaganda de guerra encobre sempre política e intereses económicos. En todo caso, o mundo post-soviético é así, pero xa non hai un clown bébedo contratado en Moscovo e o doutor El-Assad segue no goberno. En realidade, escribin esta bagatela para compartir con vostedes a satisfacción que me produciu a lectura de "Unha delicada verdade", de John Le Carré.

Compartir el artículo

stats