tribuna del lector

Fuco Pérez Sen Segundo, veciño de Gargamala

22.07.2017 | 02:07
Fuco Pérez Sen Segundo, veciño de Gargamala

Cúmprese este ano o 55º aniversario da obra de Celso E. Ferreiro "Longa noite de pedra", publicada en 1962. Un dos poemas que contén o libro titúlase "Romance incompleto" nel o autor relata a xeito de biografía a historia dun veciño da parroquia de Gargamala chamado Fuco Pérez Sen Segundo, posiblemente coetáneo do vate celanovés. O poema foi musicado por moitos cantautores. Nel debúllanse as miserias dun labrego desherdado, explotado, dos que non tiñan onde caer morto. E tanto debeu ser así que eu non dei coa súa tumba por moito que rebusquei no camposanto parroquial. Nin tan sequera atopei a ningún dos habitantes daquela parroquia de mortos ninguén que se apelidase Pérez.

Grazas ao seu alcalde, Xoán Carlos Bugarín, e á Escola de Canteiros de Poio que fixo o monumento, o Concello de Mondariz e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística van celebrar o próximo día 24 do mes que andamos o acto de inauguración dun monumento co texto do poema gravado na pedra. Será unha homenaxe postreira a todos aqueles seres anónimos que sufriron cruelmente a historia, ao tempo que incorporará á memoria de Gargamala un relato poético que acadou notabre popularidade.

Posiblemente o tal Fuco Pérez Sen Segundo fose un cliente do poeta cando exerceu de procurador dos tribunais en Vigo, ou o coñecese ocasionalmente nas súas andainas polas terras do Condado.Quen sabe! Mágoa que Celso Emilio non tivese redactado o seu epitafio, porque daquela si que estaría escrito en galego. Era o poeta moi imaxinativo para escribilos. Para Otero Pedrayo propuxo un: "Pasade caladiños, descobrirvos. Estades diante da Fala". El mesmo deixou escrito o seu que identifica a súa sepultura en Celanova: "Mais o lume que alampea/xamais o veredes morto".

Este costume de deixar constancia das bondades que adornaron as memorias dos defuntos vén de vello. Don Álvaro Cunqueiro escribirá o seu epitafio para que cando lle chegase o día figurase na lápida: "Eiquí xaz alguén que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

Chama poderosamente a atención que as esquelas que se publican nos xornais estean redactadas nun 98% en castelán, o mesmo que as que as funerarias colocan en distintos lugares da parroquia para convocar ao sepelio aos veciños que sempre se relacionaron en galego co agora defunto. Unha estatística que manexamos infórmanos que en Galicia só unha de cada mil lápidas están escritas en lingua galega. Hai un exemplo de galeguismo mortuorio na parroquia de San Facundo de Ribas de Miño (Concello de Paradela) onde o 99% dos nichos están escritos en galego; unha decisión sabia dunha parroquia coherente. O asunto resulta esperpéntico e triste pola pouca autoestima das familias que consinten isto.

No cemiterio da parroquia de Gargamala, de algo máis de trescentos veciños, de douscentos noventa e cinco enterramentos só atopamos dúas lápidas en galego; esta cifra contrasta cos datos do Instituto Galego de Estatística que informan que o 98% da poboación é galegofalante. É unha mostra máis da deformación cultural que se producíu nas xentes do noso país. Se nalgún momento da nosa historia as causas fosen achacadas á presión antigalega da Igrexa e da cultura oficial imperante, hoxe esas circunstancias deberan estar superadas, pero non é asi. Por iso cómpre que os concellos desenvolvan iniciativas para fomentar o uso da lingua galega neses espazos onde dorme para sempre a memoria colectiva dos veciños, para recoñecérmolos como o que foron: galegofalantes.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística anuncia desde xa a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística para o mes de outubro en máis de cincuenta e cinco concellos. Nun deles, o de A Coruña, o goberno municipal inaugurará un panteón que se edificará sobre a desleixada tumba de Manuel Murguía. Unha vez máis chamaremos á reflexión para que os galegos e as galegas se preocupen de pervivir a memoria dos seus familiares no idioma no que expresaron as súas emocións.

*Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Suscriptor | Opinión

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

PEDRO DE SILVA

El dolor no nos debe hacer ingenuos

Quien suponga que las respuestas y reacciones ante los criminales...

 
 

JOAQUÍN RÁBAGO

Barcelona, ciudad abierta

Todo lo que la capital catalana tiene y debe conservar

 
 

EDUARDO JORDÁ

Lo que haremos las buenas personas

Comportamientos previsibles que siguen a todo golpe del terrorismo

 
 

CAMILO JOSÉ CELA CONDE

Libros sobrevalorados

Un escritor joven, muy prolífico en las redes sociales, ha sacado la lista de diez obras...

 
 
Enlaces recomendados: Premios Cine