Celebrouse na Casa da Matanza (Padrón), residencia derradeira de Rosalía, o acontecemento da nova organización do seu espazo da memoria. Son horas de louvar o Patronato e Fundación que perpetúa o nome da autora e que preside Anxo Angueira, as institucións e persoas que contribuíron a esta poderosa reconstitución, os defuntos que fixeron realidade o soño da casa museu no pasado e Pepe Barro que concentrou o seu talento na volta a aquel mundo que xa foi pro que nunca poderá ser enterrado na fosa común da ignorancia: Brassens. Rosalía, Rosa para os seus, foi retratada cun rizo ou ruliño de cabelo sobre a fronte. Tamén a protagonista de El Caballero de las botas azules gostaba desta coquetería mínima. Alí está, o rizo, na Matanza. E asimesmo o haut-de-forme de Murguía que foi a derradeira chistera que fixo alampar os seus reflexos no Cantón da Coruña. Pequenos fetiches que, na Casa, se combinan con obxectos moi prezados nos que os misterios da novela familiar de Rosa por veces se deixan entrever como ectoplasmas vacilantes. Logo está o nome mesmo da Matanza, a aldea de Iria na que Ela e Murguía quixeron asentar despois de tantas e tantas casas habitaren durante a vida en común. Parece como se A Matanza recibira o nome dalgún asasinato masivo. Pro alí non houbo batalla nin sacrificio humano colectivo do que haxa noticia. Mais vexan vostedes que todo Padrón e a súa veiga e montes, e rodopío maior, aparecen no conto de Ardanlier e Lyessa que lle nace coma "un absceso monstruoso" (di Martínez Barbeito) ao Siervo libre de Amor de Xohán Rodríguez do Padrón ou da Cámara, libro escrito no século XV nun castelán entrefebrado de galego. Estamos a falar nunha literatura do gótico serodio que semella escrita para os lectores procedentes do surrealismo ou do horror infrahumano de Samuel Beckett ficaren suspendidos. Na noveliña de Rodríguez de Padrón aparece precisamente descrita unha matanza. Un pai ciumento e namorado do seu propio fillo asasina a amada deste atravesándolle o corpo e máis o do feto que levaba no ventre, cunha espada fina e de gusto flamíxero. Logo, o fillo, mátase a el mesmo chantándose a mesma espada no peito. O lugar no que este horror sucedeu sería chamado A Matanza. Rosalía morreu, de porparte, onda o camiño de ferro que alí puxera o marido de María Bertorini, nativa do País de Gales á que lle dedicou a nosa autora o poema, elocuente, vigoroso e patético, á memoria de John Moore. As boas letras quérense coas boas letras. Por iso, non lonxe da Matanza habería de nacer Camilo José Cela, do sangue da amiga galesa de Rosalía de Castro.