Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Un pego de memoria

Xosé Soto Rodríguez (Arxeriz, Fión, O Saviñao, 1938) é, de todos os meus amigos vivos, quen máis viaxou polo mundo, o que domina un meirande número de linguas vivas, sen desoñecer as clásicas, o que mellor tanxe a gaita galega, o que coñece con maior exactitude a revolución rusa, e quen ten máis ben ordenada na súa cabeza a historia da Humanidade. Visto ao lonxe, o Soto, ou Pepiño da Gaita, paréceme un rebento novo dun modelo social e cultural se cadra hogano moi enfeblecido. Falo do home e da muller que nado no escenario aldeán rico do Sul da actual provincia de Lugo, foi leal, nun pacto vixente pola vida, á terra e patria galega a cal serviu en forma prática.

Véñenme ás mentes os que fundaron a banca Soto e a Granxa Arxeriz e mesmo Larsa. E, ao lonxe, os Fernández, con Antón de Marcos iniciando unha castimonia que diu fundado Pescanova, a Granxa de Louro ou mesmo Laboratorios Zeltia. Pero, o primeiro deste xénero sería o mítico don Juan de Forcados, no seu pazo invadido polas edra, fillo rico de aldea que foi moldeado pola Institución Libre de Enseñanza, non lonxe de Johan Vicente Viqueira e que, segundo penso, constituiu unha das cepas fundamentais da Misión Biolóxica de Pontevedra, e outras máis de cousas uteis e patrianas. No cumio da súa vida, Xosé Soto, so o pseudónimo de Xosé de Arxeriz, acaba de lanzar ao mundo o seu último libro, ou sexa unhas 900 páxinas de memoria de vida cun título de arrecendo poético: Sombras, ecos, olgas. Recomendamos a lectura deste libro que pode solicitarse á editorial Besbello de Chantada (sempre no Sul da provincia de Lugo). En por min, só sei decerlles que estou a navegar por este piago ou pego farturento e cuase infinito que podemos clasificar como libro de memorias. Cando chegue á fin da navigatio, se cadra, como lle ocorreu a Trezenzonio ou aos autores do Leabhar Gabhala, desembarque nalgunha Irlanda que non sexa Irlanda ou na terra do bieito Sanamaro, por Cabanillas. En todo caso, ninguén me vai tirar o pracer de ir por toda a rosa dos ventos sobre estas procelas narrativas que Xosé Soto, de Arxeriz, nos regala para a nosa instrucción e deleite.

É agora o intre de facérmonos acordantes dos días nos que o Pepiño da Gaita, Bautista Álvarez, os compañeiros e compañeiras da UPG, acompañaron este cronista a unha cita clandestina con Peter Elstob, enviado especial do PEN Internacional a Madrid para asistir como observador antifascista a un xuízo no Tribunal de Orden Público. Xosé Soto era o que mellor falaba inglés de nós. Elstob fora aviador nas Brigadas Internacionais e encontrábase moi ben en Madrid connosco. Se eu seguise tirando do cabo deste fío era capaz de continuar a columna e convertela nunhas memorias complementarias das que levan o título de Sombras, ecos, olgas. Pero poño punto final cunha aperta a Pepiño da Gaita.

Compartir el artículo

stats