Drímaco foi un escravo grego que fuxiu da casa do seu amo na illa de Quíos para refuxiarse nas montañas. Organizou unha banda e dedicouse a asaltar aldeas e vilas. Os gobernantes puxeron prezo á súa cabeza. Cando lle pareceu que chegaba a súa hora, chamou polo máis novo dos seus, por quen tiña predilección, e díxolle: "Córtame a cabeza. Se a entregas, faraste rico co rescate e xa non terás que seguir roubando". Drímaco foi decapitado.

Cabe pensar que as eleccións do 20-D, por primeira vez na nosa democracia, poderían dar lugar a un novo estilo político, con máis control sobre a acción pública. Caracterizado ata o de agora por un sistema de rolda entre dous grandes partidos que se van alternando no goberno, sen que iso represente un cambio substancial na forma de exercer o poder. Forma que deu lugar a un estado de corrupción que nos meteu nunha lameira. Os cidadáns fomos simples depositantes de voto, como único elemento de control social sobre os representantes públicos. Eliximos gobernantes que logo collen manga ancha para facer e desfacer ao seu antollo.

A democracia da Transición é para os cidadáns unha democracia para elixir, non para participar ou decidir, e menos para controlar. Elixir, sen ter acceso a toda a información. Nela non hai igualdade de voto. Por exemplo, cada deputado de IU, na composición anterior da cámara, representaba case 500.000 votos, mentres que a media dos electos do PP era de pouco máis de 50.000; unha décima parte. Se o voto de cada persoa tivese o mesmo valor, na actual composición do Congreso, Podemos con IU sumarían 85 escanos, fronte a 77 do PSOE. O PP tería 100 e Cidadáns 48. O sistema está pensado para obter maiorías absolutas sen maioría absoluta de votos, con grandes desequilibrios que piden que o sistema electoral sexa modificado.

Non se permite un escrutinio permanente da política, non hai igualdade no acceso aos medios para as campañas e a corrupción altera a contenda electoral con financiamentos irregulares. No parlamento, a maioría das preguntas sobre a acción de goberno tiveron e seguen tendo a calada por resposta. Antes de votar non funciona o dereito a saber. Roldas de prensa sen preguntas, etc. A nosa democracia ten un funcionamento cupular: funciona o dedo das cúpulas. Decídese arriba e acátase abaixo. Nos partidos políticos ascéndese por un sistema de cooptación que se move por un carreiro de lealdades e complicidades ocultas á vista da xente. Equipos formados na opacidade, que se nutren dunha adulación constante, desenvolven unha cultura política do poder como propiedade, de democracia para ser exercida por uns poucos unidos corporativamente na defensa dos seus intereses. E isto trasládase a todos os niveis da estrutura política, desde as corporacións locais ata e Goberno da nación. Un caldo de cultivo perfecto para que aniñe a corrupción.

Algo que hai que cambiar radicalmente. É o momento de poñer prezo a certas prácticas da nosa democracia, de rexenerar a política. Á necesidade de diálogo, acordos e pactos para exercer o poder, debe unirse a transparencia, a rendición de contas, o control social, a revogación de cargos, a participación cidadá, a paridade, etc. Unha democracia de ventás abertas, sen privilexiados nin aforados, onde o voto das persoas valla o mesmo, onde os cidadáns poidan controlar os seus representantes políticos con fórmulas axeitadas para evitar a corrupción. Chegoulle o momento a certas formas de entender a política, nocivas para a democracia, para as persoas e para o país. ¿Quen será o chamado para cortar a cabeza de Drímaco?

*Veciño da Estrada.