Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O galiñeiro e a Modélica

Non sei se estarán hoxe acougados os galiñeiros de prensa, radio, televexo e redes que nos abouxan dendesde o día e hora en que Rei Novo non chamou por Rei Langó para este estar nos fastos conmemorativos da Modélica. Ao revés de Pablo Iglesias, eu entendo que sí, que Felipe fixo ben en prescindir de Juan Carlos. Fernanda Tavarés (de estirpe amiga e miñota de Santiago das Caldas) dixo con moito xeito que ela miraba un fillo que mataba o pai para lograr ser rei de todo. Ou sexa rei de ouros, de copas, de espadas de de bastos. Penso que funcionou a eterna malicia borbónica. Aquela astucia que fixo aos de Borbón vivir sen dar en pancada durante uns mil anos de Historia de Europa. "Mon Dieu, mon Dieu", dixo Felipe V ao morrer segundo conta Sarmiento: seguiron até hoxe en Madrid. Coma a mosca areixa, que sempre volta, os Borbóns regresan con asombrosa persistencia ás materias cárnicas nas que desovan e se perpetúan. Felipe o Novo non convocou ao Pai debido a que temía que Iglesias lle recordase a Lei de Sucesión do Generalísimo. Os comentaristas do réxime botáronlle a culpa a entes transformacionais ou pokemón: Zarzuela, Casa Real, Protocolo. En canto matar o pai, ou calquera familiar, é cousa habitual nas realezas. Rei Langó, mesmamente, tamén se desfixo politicamente do seu pai, coñecido ao tempo como don Juan ou conde de Barcelona. Este don Juan estaba destinado por Washington e polos ingleses para ser rei constitucional de España e das autonomías. Juan Carlos sacou do medio a don Juan nun retrete (retrete: "cuarto retirado de Palacio"), logo de estampillado de almirante e lle acordar grosos beneficios. "Todo por España" -enfatizou don Juan no intre da abdicación forzada. Até os choscos podemos ver que o réxime vixente é en parte producto dun fillo (Juan Carlos) que neutraliza e anula un pai (don Juan). Cando o réxime ameaza arruína, Juan Carlos é lanzado a unha marxinalidade dourada, en todo semellante a aquela da que disfrutara don Juan. As fendas do sistema vixente ameazan aquí e acolá cun derrubamento estrepitoso. O galiñeiro cacarexa e os galos desafíanse por conseguiren a hexemonía. "Los amenes isabelinos" de Valle-Inclán anúncianse de novo ao ritmo dos tambores que resoan na Praza de Oriente no intre sagrado do remudo da guarda dos alaborderos. A ausencia de Rei Langó nos actos da memoria da Transición pode ser entendida coma un esconxuro da fuxida de Isabel II, da fuxida de Alfonso XIII a impulsos do vento da Historia (que o hai, e á veces sopra duro). Non coñezo eu de primeira man a historia do bonapartismo en España. Dinme moitos que Rei Felón, antes de o ser, ofreceuse ao Empeador renunciando á paternidade de Carlos IV, para que o corso o adoptase como fillo e el entrar na roda de Fortuna dos membros da familia que foron ocupando as gobernanzas (dise así agora) de Europa. Isto non ocorreu, pero á queda do bonapartismo (aquela imposibel esperanza xacobina) regresarían aos tronos de Europa toda clase de Borbóns. Coma as moscas vareixas da carne, que volven sempre.

Compartir el artículo

stats