segunda feira

Portugal non é España

03.07.2017 | 03:25
Portugal non é España

Falabamos na Segunda Feira pasada dun sentimento perturbador que fai o seu niño en moitos peitos españois. Ocorréusenos porlle o nome, pedante coma todos os cultismos de fabricación improvisada, de "heteroglotofobia", ou "heterogosofobia". A palabrota serviría para decer algo así como "odio á lingua dos outros" e, de paso, aos que se empeñan en falar unha lingua que non é a nosa e principal". Certo, a heteroglotofobia abonda moito en España, e os kurdos, armenios e gregos insisten en que está moi xeneralizada en Turkía.

En Portugal non hai heteroglotofobia porque naquela república só existe unha lingua, unha cultura e unha nación. E isto, cunha excepción mínima: Mentres Castela conseguiu case borrar do mapa lingüístico, a poder de imposición, a vella lingua leonesa, en Portugal o leonés, mal que ben, consérvase, bebendo nas augas machadianas do Douro fronteirizo, en Miranda, ao Nordeste do país.

O caso é que Portugal se nos evidencia como un estado europeo cuase monolingüe. Cuase monolingüe é tamén Alemaña, porque alí aínda está vivo, e ben protexido, o sorabo do que tán ben coidara a DDR. En realidade, monolingüe só é Islandia, se non me trabuco. Esta realidade lingüística e nacional propiciou a combinación política que alí rexe hoxe. En Portugal goberna o PS asistido parlamentarmente polo Bloco de Esquerda por un PCP que nunca sucumbira ao eurocomunismo. E así os portugueses poden gabarse de estaren na mellor situación económica da historia da súa democracia. Quero decer que, para chegaren a esta fórmula de unidade, os partidos portugueses de esquerda non tiveron que pactar con nacionalismo ningún, porque Miranda de Douro é unha minoría de lingua leonesa con plenos dereitos recoñecidos na Constitución.

Equivócase Pedro Sánchez ao propor para España unha solución á portuguesa. Eiquí o PSOE non podería gobernar só co apoio parlamentario de Podemos e de Izquierda Unida. No Estado español, as esquerdas son moito máis complexas, porque están atravesadas pola variábel que nós seguimos a chamar Galeuzca porque as nacións Galicia, Euskadi e Cataluña existen, e ramifícanse en diversos Bierzos, Navarras ou Valencias. Eiquí o entendemento non pode ser outro que unha fronte popular adaptada ao noso tempo.

Se os pobos diversos, ou sexa nación, que habitan o territorio español queren superar o réxime da Transición ou Reforma pactada e suxeita a un Borbón, non se lle mira outra solución que un grande acordo entre as plurais esquerdas españolas e os independentismos vixentes e actuantes.

É aí onde nos decatamos de que Portugal non é España, e a razón pola cal Otero Pedrayo ameazou, con grande escándalo, no parlamento da II República con que Galicia podía fartarse de ser asoballada e pedir a nosa incorporación á república de Alén Miño.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine