Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Conflicto por el Plan de Transporte Público de Galicia · Opinión

Recortes e présa: danos colaterais

Como xa tiven ocasión de manifestar, e moi ao noso pesar, non podo menos que valorar negativamente o anteproxecto do Plan de Transporte que ven de facer público a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e propoñer un cambio de modelo.

Este plan é froito das présas e responde aos criterios e visión dunhas consultoras que se amosan moi afastadas da nosa realidade social e económica, das necesidades da xente do rural, dos traballadores e das empresas, o que se ten evidenciado nas manifestacións das ANPA, sindicatos e empresas... O non contar na súa redacción coa experiencia e participación dos Servizos Provinciais de Transporte, dos Concellos, das ANPA e sobre todo das empresas que viñan prestando estes servizos probablemente estea detrás deste nefasto resultado? O plan, en vez dunha solución, é un problema, mírese como se mire.

Á marxe dos problemas que derivan da súa propia filosofía (desaparición do transporte escolar), o primeiro que chama á atención é a interminable relación de erros e desatinos que calquera profesional do sector detecta cunha primeira ollada. Desde percorridos por estradas ou pistas polas que é imposible que colla un autobús, colexios sen parada ou horarios imposibles, ata conexións orientadas ao revés (de vilas a cidades ao serán e de retorno pola mañá) ou liñas que terían que chegar, por exemplo, a un centro hospitalario pechado hai varios anos.

Cando un afonda no documento, percibe deseguida que o primeiro obxectivo do proxecto non é arranxar os problemas de mobilidade na Galicia rural, senón aforrar na factura que a Administración abona polo servizo do transporte escolar, que nada ten que ver con aqueles. Non só había que facelo ás présas, senón que a outra clave estaba en aproveitar a ocasión para aplicar un novo recorte de cartos.

A Xunta inviste hoxe uns 120 millóns anuais en contar co mellor servizo de transporte escolar de toda España, con arredor do 40% das liñas que operan en todo o Estado para beneficiar a uns 235.000 alumnos ao día.

A idea de partida do novo plan é que estes nenos deixen de gozar desa exclusividade e se convirtan nuns pasaxeiros máis de liñas regulares de autobús, para acadar unha contundente rebaixa do que hoxe abona a Administración por alumno. O transporte escolar desaparece e dilúese no regular, o que implica unha notable diminución en conxunto das rutas en relación ao mapa actual, e con iso de vehículos e postos de traballo. O cóctel complétase cunhas valoracións completamente leoninas dos servizos de uso xeral. E o obxectivo está plenamente conseguido, a factura da Xunta mingua de xeito importante e nenos, traballadores e empresas pasan a considerarse danos puramente colaterais.

Para convencer aos pais e nais de que nada cambia ou incluso de que o transporte dos nenos mellora, recorrese a dicir que levaran sempre acompañante e a que o TES+BUS leva anos funcionando sen problemas no rural. Pero agóchase a verdade, pois a clave está en que se invirte a cuestión ao dicir que serán os pasaxeiros de servizos regulares os que utilizarán as liñas escolares cando en realidade é ao revés, que serán os pequenos os que subirán a un bus de liña; non se aplica o TES+BUS. Engádese logo que proxectos similares ao TES+BUS funcionan tamén noutras comunidades, con realidades sociais e demográficas moi diferentes, e a operación está completa. ¿Que gañan os nenos? O plan condena inxustificadamente o actual modelo de transporte escolar, aínda que fora cualificado por todos como un modelo de éxito.

Outra importante fronte está nos traballadores, pois a subrogación non figura na letra pequena e ademais sería imposible realizala nunhas condicións razoables, dado que as valoracións económicas dos servizos incluídas no plan só permiten contratar ao persoal como mínimo por horas e a salario base. A Xunta decidiu o pasado xoves retomar o diálogo con empresas e sindicatos centrándoo nesta cuestión, indubidablemente crucial para todos os actores implicados.

O terceiro dano colateral é o das empresas, un tecido que por desgraza a Xunta e o seu presidente deixaron claro en reiteradas ocasións que é o que menos lles importa. En primeiro lugar estase a xerar unha gran inseguridade xurídica no noso mercado ao prever a resolución anticipada dos contratos de transporte escolar, hoxe en vigor, que estaban garantidos por Lei ata o ano 2020, unha decisión unilateral que priva ás pequenas compañías do rural do 70% ou máis da súa actual carga de traballo e abócaas ao peche e a unha dura pelexa xudicial.

Ademais, en canto que se lles esixe dispor de unha media de 15 vehículos para concorrer aos servizos zonais, as pequenas empresas estáselle obrigando á sempre difícil tarefa de agruparse nunha UTE e acometer os investimentos necesarios para dar resposta a estas esixencias nun tempo imposible.

Tendo claros os grandes obxectivos, que para nós son tres: garantir a mobilidade da nosa xente do rural, garantir o emprego e as condicións de traballo e garantir o tecido empresarial en particular do rural, está claro, e a ninguén se lle escapa, que é posible outro modelo que dea satisfacción a todos, tanto dende o punto de vista técnico do transporte, como dende o punto de vista xurídico. Só fai falla vontade para poñelo en marcha.

Compartir el artículo

stats