Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Na procura do poeta do Bierzo

Atravesamos o Bierzo en procura da pálida pantasma do brigadeiro Antonio Fernández Morales. Nas encostas, nun mediodía xusto e digno de Valéry, os pámpanos deixaban paso a un sol que engordaba bagos de godello, bagos de mencía. Ao redor do Castro da Ventosa vin cachos con nome de deusa branca que Robert Graves había de gulapear con fruición. Mágoa que Cunqueiro nun chegase a coñecer o godello para o incorporar á lenda dos viños brancos de Galicia irmandados con Nicolás de Cusa nas ribeiras e socalcos do Mosela.

Fomos a Cacabelos por celebrar o bicentenario dun poeta grande de Galicia que naceu naquela vila no ano 1817. Con certeza, Antonio Fernández Morales, no seu libro Ensaios poéticos en dialecto berciano, editado no ano 1861, entre a Gaita Gallega de Pintos e os Cantares Gallegos de Rosalía, inaugura a literatura nosa contemporánea e editada en forma de libro.

Hai un Bierzo severo, o de Valerio e os eremitas. Podemos, aínda, evocalo se ascendemos polas duras estradas que nos levan ao arco de ferradura en Santiago de Penalba. Pero nas letras e na imaxinación hai outro Bierzo diferente. Este, vivo, real, durísimo. Tamén gozoso e gozador do viño e do polbo e do botelo rituais, sempre coa gaita no labirinto máis fondo dos oubidos, onde tamén se mete o dó da avelaiona e do reiseñor do Burbia e de Valcarce. E hai un Bierzo que marca a fronteira Leste (a Oeste é o Océano). E o gardián da fronteira é o Oso, a quen Víctor López Seoane chamou, relatinizando o galego a mantenta, coma os portugueses, "urso".

Fernández Morales, nos seus Ensaios, escribiu as mellores páxinas ibéricas sobre a caza do urso. Esquénzanse os bos lectores de novela castelá de José María de Pereda e de Peñas Arriba, persistentes, nembargantes, na nosa memoranza. O mellor texto de montaría referido á caza do oso está escrito en frondoso galego e forma parte dos Ensaios poéticos en dialecto berciano. "Caza Maior", titúlase. Preciso e etnográfico, Fernández Morales dá detalles da loita corpo a corpo do urso e do fillo do Bierzo. Ninguén que ame a natureza e desexe a recuperación plena do urso nas nosas montañas poderá ignorar estes versos.

Entre tráxico e circense, Morales amósanos o urso ou oso sobre as patas de tras fuxindo por un caborco aos choutos en canto sostén un trobo ou colmea entre as farpas dos seus brazos. Velaí o urso en pé; velaí, en estampa heráldica, o Gardián da Fronteira Oriental de Galicia.

Fernández Morales non foi ben aceptado pola crítica e historiografía literaria de Galicia. Hoxe móvese unha vaga de recoñecemento pleno da súa figura literaria que nós aplaudimos con ledicia. Estivemos, pois, en Cacabelos co Grupo As Médulas, para celebrar o bicenteario do militar, político e notabilísimo poeta galego Antonio Fernández Morales.

Compartir el artículo

stats