Escribía Cunqueiro lembrando ao noso Mosteiro, " Hai no aire puro de Carboeiro una escola de paxaros cantores. No inmenso silencio da tarde escóitase pasar o vento cos seus pasos de seda" A noticia colleume lonxe pero non fixo falta vir axiña. Os paxaros da contorna do cenobio trasladáronme, sen eu desexalo, ao punto do inicio común. Foron eles os que me comentaron que alí comezou a nosa andaina de tantos pasos de seda, ata chegar ao día de hoxe. Os que me recordaron cantos e cantos temas se debatiron encol das técnicas de marquetin a empregar para resolver sobre a Escola Taller; ou sobre cantas reflexións se fixeron sobre como mellorar o Concello. Esa asignatura sempre pendente da historia común de Trasdeza, arraizada nas vivencias da nenez, que nos foi cortada sen clemencia para sentir a emigración forzada polos estudos no Seminario de Lugo e no Colexio de Pontevedra, ou, no teu caso, nas primeiras prácticas da vida en Madrid e neses mundos de deus. E aínda así eres e serás da Escola do Talante, afable, comprensivo e solidario. Con vocación, sí, pero de servicio a un mellor fín. Como dicías:"colocar ao medio rural, no pedestal dos gañadores". "Poñer a Silleda no grupo dos escollidos". "Só así, ,como temos afirmado en moitas ocasións, haberá un equilibrio entre o ser e o deber ser". E remato co pensamento de Cunqueiro, que ben coñecerás: "Non sería extraño que no crepùsculo vespertino, á hora de entre lusco e fusco, alguén crera ver pasar a procesión inacabable e eterna dos antigos monxes, puntuais aos oficios". E engado eu que , ou moito me equivoco ou coido que sempre haberá entre esa compañía unha morea de amigos de Carboeiro entre os que estarás presente levando as chaves da basílica coas mans entrelazadas. Só unha última reflexión. As nosas diferenzas, que as houbo, quedan zanxadas menos unha: Nunca che perdoarei que te ausentaras sen avisar, nin o consentirei na "vida". O teu amigo.