Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

O anel de Giges

O rey Giges de Lidia, coroado no ano 780 a. C., tiña un anel máxico que, segundo unha fabulación de Platón, facía invisible á persoa que o levase tan só con xiralo. Esta persoa podería matar, roubar e violar a lei con total impunidade porque ninguén o vería. O filósofo trata de convencernos de que é o feito de que os demais nos vexan o que nos obriga a obrar ben, polo medo a perder a reputación ou a ser castigados.

Serve esta introdución para poñer de manifesto unha cuestión importante para erradicar a corrupción; non a única, pero si fundamental. Todas as decisións públicas deberían estar baixo unha mirada escrutadora imparcial que impedise corromperse. Esa mirada ademais de corresponderlle a unha xustiza despolitizada, debería contar con outros ollos, como establecer por lei mecanismos de control social, especialmente en nomeamentos e na contratación pública. Basta con formar comisións puntuais, non permanentes, con xente común, profesionais e xuristas que teñan como función controlar as decisións dos políticos, facéndoas totalmente transparentes. Unha regulación legal debería ser un primeiro paso: establecer por lei observadores das decisións de goberno. Tamén auditar a información fiscal, financeira e laboral dos representantes públicos e establecer controles internos nos partidos. Outro paso, como dicíamos, tamén necesario, despolitizar a xustiza, devolvéndolle o seu xenuíno sentido de neutralidade, tendente a respectar a igualdade de todos diante da lei.

A politización da Xustiza, problema grave na nosa democracia, fai que as institucións funcionen ao servicio do poder, abrindo as portas á impunidade. É unha cuestión urxente a resolver. Hai pouco vimos como o Fiscal Xeral do Estado, Xosé Manuel Maza, se opuxo a investigar ao ex-presidente de Murcia pola súa implicación no caso Púnica, ou como o ex-Fiscal Xefe Anticorrupción, Manuel Moix, cesado por ter unha sociedade no paraíso fiscal de Panamá, obstaculizaba e freaba investigacións dos fiscais, creando desconfianza no funcionamento da xustiza. Tamén como o ministro do ramo foi recusado no Parlamento, xunto con eles, por compracencia con encausados do PP. A xustiza quere neutralidade. Ningún xuíz ou fiscal pode deberlle o seu cargo aos políticos.

Nas últimas semanas, curiosamente, nas que saltan á vista fortes evidencias sobre o financiamento irregular dos populares, e próximo a xulgarse casos de corrupción como Gürtel, Bárcenas, Lezo, Bankia, Púnica, etc., observamos como o partido no poder intenta ocupar as institucións xudiciais. O Consello Xeral do Poder Xudicial, que preside Carlos Lesmes, nomea a Concepción Espejel, próxima ao goberno, cos votos dos conservadores, para presidir a Sala do Penal da Audiencia Nacional, órgano que xulga os casos de corrupción. E a Enrique López para formar parte da Sala de Apelacións. Ámbolos dous recusados no seu día no pleno da Sala do Penal da Audiencia nacional para que non puidesen formar parte dos tribunais que trataban da Gürtel e do caso Bárcenas, por estimar posible parcialidade. De nada valeu esa recusación, novamente o poder político interferindo na acción da xustiza, e danando a confianza nas institucións.

É un atentado á democracia que os partidos políticos tutelen ou ocupen as institucións xudiciais, especialmente as que se encargarán de xulgar os casos de corrupción. A cuestión é de suficiente calado como para que todos, representantes e representados, adoptemos unha posición rotundamente contraria a este tipo de accións que creban a confianza na política, na xustiza e nas leis. Os partidos, se de verdade queren a rexeneración da vida pública e da democracia deben actuar sen miramentos, confirmando o dito de que ademais de ser honrados hai que parecelo.

*Veciño da Estrada.

Compartir el artículo

stats