A asociación que coordina as casas-museo dedicadas no Estado Español á memoria de personalidades venerabeis do pasado aceptou unha iniciativa do Padroado Curros Enríquez de Celanova. Tratábase de fundar o Día das Linguas Ibéricas. A comisión de cultura do Congreso dos Deputados de España fixo súa a idea. Aceptouna por unanimidade de todos os partidos presentes naquela cámara; rarísimo acontecemento. Puxéronse de acordo os partidos políticos en algo tan espiñento e arnal como é a relevancia na Península Ibérica da lingua portuguesa e a condición plurilingüística dos súbditos españois. Agora, os deputados úrxenlle ao goberno español que lle pida ao portugués a súa incorporación ao proxecto. Logo verase cal día do ano se escolle para celebrar as Linguas Ibéricas. Con esta proposta, unha diferencia abisal entre España e Portugal faise evidente, e non se trata de que o primeiro estado sexa unha monarquía e a segunda unha república. En Portugal non hai máis ca unha lingua minoritaria, que é aquela que en Miranda conservan os derradeiros falantes do leonés do Douro. A todo isto, a proposta xorde perante os ollos iracundos dos españolistas que odian a plurinacionalidade. A verdade: en territorio español, alén do castelán hexemónico, son cooficiais: o galego nas provincias de Galicia; o vasco en Euskadi e Navarra; o catalán en Cataluña, Valencia e Baleares (oficial único en Andorra); e mais o occitano no Pirineo catalán. Existen en España linguas negadas e ameazadas de morte. Elas son o romanó aterritorial o asturiano-leonés de Asturias, o aragonés dos altos vales do Norte, o portugués de Olivença e outros territorios de Extremadura. Aínda non sendo estrictamente linguas ibéricas, o Día das Linguas debería recordar os dereitos do árabe de Ceuta e do bérbere (cos falantes hoxe en loita) de Melilla. Desprotexido e acurrado á extinción encóntrase o galego que se fala na Terra Eo-Navia (Asturias), nas Frieiras e no Bierzo (León) e no Val do Ellas (Cáceres). Tamén é verdade que o vasco é maltratado nos territorios ocupados por Francia, de Laburdi, Zuberoa e Baixa Navarra, e que o catalán mal sobrevive no Rosellón tamén francés en un enclave da illa italiana de Sardeña. A "heteroglotofobia" (ou "heteroglosofobia"), ou sexa o odio ás linguas dos outros e ás persoas que persisten en falaren linguas que non sexan a nosa (a de Castela ou a de Turkia, digamos), dificultará gravemente os efectos civilizadores que se esperan do Día das Linguas Ibéricas.