Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O San Xoán nas lendas da mourindade de Deza

Esta festividade menciónase en 16 dos 516 relatos recompilados na comarca

As mouras son un dos seres míticos da mourindade. Tradicionalmente, o día propicio para manifestárense ao ser humano é no amencer do San Xoán, coincidindo co solsticio de verán. A moura, á alba do 24 de xuño, aparece co espertar do Sol. Nese mesmo día tamén soe aparecer unha galiña seguida dos seus pitos de ouro. E ata nalgunhas ocasións sae a moura seguida da galiña e dos pitos. Tamén se pode dar o caso que nese día a moura se transforme en cobra ou realice outros encantos coma o de converter carbón en ouro.

Os lugares propicios para a súa aparición acostuman ser as fontes e os penedos. Este proceder, frecuente no mapa lendario galego, non é alleo nos relatos de mourindade recompilados na comarca de Deza. Dos 516 que levamos rexistrados, en 16 menciónase o día de San Xoán.

| CASTRO DE CABRAS. Unha moura fai fume dentro dun penedo: Cando botaron fóra do castro os mouros, unha moura quedou escondida dentro dunha cova que estaba no lado contrario, no poñente, e non puido fuxir cos demais. Polo de agora, aínda ninguén atopou esa cova, pero din que existe. O certo é que se ten visto saír fume por entre as fendas do penedo que hai no alto do castro na noite de San Xoán, e atribúeselle á moura cando "fai fume" dentro do castro. (Fonte: Presas García, A. (2008); Os castros de Lalín. SED. Lalín; p. 317). Mouros: Os mouros seguen vivindo no castro e algunhas penas botan fume na noite de San Xoán. (Fonte: Presas García, A. (2008); Os castros de Lalín. SED. Lalín; p. 318).

| CRISTIMIL: A muller encantada polo San Xoán: O 24 de xuño saía unha muller en forma de cobra e outras veces gardaba unha galiña con pitos de ouro. (Fonte: Filgueira Valverde, J. e García Alén, A. (1954-56) Materiales para la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra. El Museo de Pontevedra, TVIII; p. 125). A moura que se transformaba en cobra. Na noite meiga de San Xoán unha moza moura, que habitaba no castro, transfórmase en cobra para tomar o sol e baixar beber ao río Deza ou Asneiro a 500 metros do castro. (Fonte: Presas García, A. (2008); Os castros de Lalín. SED. Lalín; p. 278).

| GOIÁS. As tesoiras da tenda: Moi cedo, no albor do día de San Xoán, camiñaba un home polo castro de Goiás e atopouse cunha muller vendedora nunha pequena tenda que lle dixo: "Que che gusta da miña tenda?" O home díxolle: "Pois... gústanme estas tesoiras". E a moura respondeulle: "Toma, logo, e que chas enterren nos ollos!" Marchouse o home para a súa casa cosas tesoiras no peto. Cando chegou á casa, meteu a man no peto para collelas e atopouse cunha onza de ouro no seu lugar. Volveu rapidamente ao castro para buscar a tenda, pero xa desaparecera todo. Neste encanto, se o home lle dixera á moura que lle gustaba ela, toda a tenda se transformaría en ouro e sería para el. (Fonte: Filgueira Valverde, J. e García Alén, A. (1954-56) Materiales para la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra. El Museo de Pontevedra, TVIII; p. 126). O carbón encantado polo San Xoán: A unha muller de Cotarelo escapáronselle os porcos, e un señor que camiñaba por alí viuna e díxolle: "Déixeos, que logo vólvenlle para a casa. Tome isto que aquí lle dou pero non o mire de ningunha forma ata chegar a casa". A muller, na metade do camiño de volta para a casa, sentiu curiosidade e mirou o que lle dera aquel home. Cando viu que eran carbóns, enfadouse e tirou con eles ao chan, sen decatarse que lle quedara un enganchado na saia. Cando estaba coa familia contándolles a historia, víronlle unha onza de ouro arremangada nas vestiduras. A muller deuse conta de que era o día de San Xoán e de que o carbón era un encanto. Volveu correndo ata o sitio onde tirara os anacos de carbón que lle dera aquel estraño home, pero alí non quedara nin rastro. Fonte: Filgueira Valverde, J. e García Alén, A. (1954-56) Materiales para la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra. El Museo de Pontevedra, TVIII; p. 126).

| GRESANDE. A moura encantada en forma de cobra: O 24 de San Xoán saía unha muller do castro en forma de cobra, que se presentaba como o encanto dunha señorita nunha mámoa; para desencantala había que levar unha bica saída do forno e non nomear a Deus, á Virxe nin aos santos. (Fonte: Presas García, A. (2008); Os castros de Lalín. SED. Lalín; p. 307).

| A VEIGA. O desencantamento dun touro polo San Xoán: Un señor atopou un escrito no chan que resultou ser unha lenda. Como non sabían ler levoulla ao cura e este díxolle que, na noite de San Xoán, debían ir ao castro da Veiga e alí tiñan que ler e "desler" (ler ao revés) o escrito sen equivocarse. Pola noite foron ao castro e o cura comezou a ler. De súpeto saíu da terra un boi de ouro e púxose a dar choutos arredor do párroco. Todo ía moi ben ata que o cura se trabucou ao "desler" o escrito. Nese intre a terra tremeu, botouse a chover e tronou. O boi, no medio de todo isto, desapareceu para sempre. (Fonte: Presas García, A. (2008); Os castros de Lalín. SED. Lalín; pp. 204-205).

| VILATUXE. Galiña con pitos. Cada vinte e cinco anos, polo San Xoán, aparece unha galiña con pitos entre as silveiras do monte que está ao lado do castro. A xente está esperando que salga a galiña para ver os pitos de ouro que a acompañan, pero nunca foron capaces de atrapalos por máis que o teñen intentado. (Fonte: Presas García, A. (2008); Os castros de Lalín. SED. Lalín; p. 400).

| R iobó . Os pitos brancos: No Castro de San Miguel de Riobó hai pitos brancos que se tornan de ouro ao cuspilos. (Lenda recollida por González Reboredo no seu libro El Folklore en los castros gallegos. Secretariado de Publicaciones de la Universidad de Santiago; Santiago 1971; p. 95). O castro (fortaleza) agacha unha familia de pitos brancos que se volven de ouro se un consegue cuspir neles. No día de San Xoán a xente soia madrugar para ir ver os pitos. (Fonte: Vázquez Crespo, A. e González Alén, D. (1989); A Comarca do Deza. Deputación de Pontevedra; p. 321).

| P azos . Os bois de ouro da Fervenza de Pazos: Na mañá de San Xoán, antes de nacer o sol, aparecían uns bois de ouro cun xugo, un soliño e unha grade, todos tamén de ouro. (Fonte: Carballo Arceo, X.; Notas históricas sobre as parroquias de Silleda). Os mouros gradando (Saíme): Conta a lenda que na noite de San Xoán, á medianoite, os vellos da zona sentían gradar aos mouros cunha grade de ouro e uns bois encantados. (Recollida por Andrés Cangas Sánchez, Pazos, 2014. Informante: Andrés Cangas Salgueiro).

| S iador . A galiña con pitos (Castro de Cartimil): Disque na mañanciña de San Xoán aparecía unha galiña con pitos. (Fonte: Carballo Arceo, X.; Notas históricas sobre as parroquias de Silleda). Pena do Encanto: É una pedra con gravados e petróglifos situada nos Chaos de Baixo. Conta a lenda que no amencer de San Xoán aparece alí unha galiña con pitos como signo de que hai un tesouro enterrado. (Recollida por: David Mato (Siador, 2014) e Adriana Valiño (2006); Trasdeza, terra de encantamentos. Faro de Vigo (24-IX-2006)).

| Ollares . Lugar de Amosa: Conserva restos do chamado Castro das Catro Cornas, que comparte con Carbia, sobre o cal se vía bailar o sol na mañanciña de San Xoán. (Fonte: Vázquez Crespo, A. e González Alén, D. (1989); A Comarca do Deza. Deputación de Pontevedra; p. 403).

| Toiriz . Os pitos da Pena de Frisca: Alí hai unha cova na que viven os mouros. Na pena hai un buraco polo que din que no día de San Xoán sae de alí unha galiña con pitos antes de nacer o sol. (Fonte: Palabras de pedra, 2014; Proxecto didáctico do IES Marco do Camballón-Vila de Cruces, coordinado por Sechu Sende).

Compartir el artículo

stats