Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Darlle a volta á tortilla española

Ouvinlle a Pablo Iglesias un castelán claro e sumamente acorde coa dicción das clases medias educadas do Madrid de 1932 que Tomás Navarro Tomás describira con precisión científica no seu Manual de Pronunciación Española. Unha rareza na actual elocución pública do castelán, infectada de geada vasconavarra, de andalucismo reprimido de galego no armario de falsas gangosidades, e todo inscrito nunha frase só rica en anacolutos. Este falar elevado de Iglesias brillou en diversos intres do seu discurso de censura con aceiros en verdade censorios, cando non cisorios. E fixo as miñas delicias o xove orador cando se puxo a lle explicar Historia de España ao rudo bando da dereita, eles sumidos no illó da ignorancia trala morte de Fraga Iribarne.

Ao Congreso dos Deputados regresou a sombra de Cánovas del Castillo, na súa calidade de enriquecido pola política, quen levaba de ganchete ao marqués de Salamanca e o xogo do "ghilei" con cartas marcadas do Banco de Isabel II e outras películas. Nun intre, mesmo, pareceume que Pablo Iglesias estaba a recitar unha versión do Ruedo Ibérico de Valle explicada aos meniños. Irene Montero, Gómez-Reino e outros das chamadas confluencias estiveron a tanta altura que a eles os moradores do escano azul debíanlles parecer escaramuxos. Cousa que son. A moción de cen ra Corea en monodia gregoriada toda a dereita fracasou. Digo que serviu para poñer o vermello contra o preto, coma aqueles galos de antano. A proposta é a dunha frente popular nova que englobe Podemos co PSOE (agora enigmático) dun Pedro Sánchez que está moi moi vixiado pola CIA (como estivo Llopis até que a Agency o retirou dun sopro e puxo no seu sitio a González).

No polo estarán, pois, Podemos co PSOE, si, pero tamén, e mediante un grande pacto histórico, os independentistas do que seguimos a chamar Galeuzca, con ramificacións en Valencia, o Bierzo e así. Estes, xuntos, poden darlle a volta á tortilla. Se falta algún elemento, ou se se altera a combinación, todo seguirá igual de envilecido. En Maré parecen estar convencidos disto. Só falta, en Galicia, que no BNG se animen a face-lo outing.

Voltando a Pablo Iglesias, el acordoume moito a Manuel Azaña. Xa saben, aquel español que intentou comprender Galeuzca. Ou sexa: o que colle a Castelao e a Bóveda do brazo e mete, para ben, o Partido Galeguista no Frente Popular de 1936. Risco e Filgueira Valverde falaron dunha treizón a Galiza pondo o grito no Ceo.

Compartir el artículo

stats