Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Galicia calidade, e folga

Pobre país o noso, no que os de sempre, estes coma min "invisibles, translucidos e transparentes", dos que os nosos políticos tan so se acordan cando precisan os nosos votos para continuar cos seus orondos cus pegados á poltrona, pagamos unha e mil veces os pratos rotos da súa soberbia, incompetencia e actitudes chulescas, máis propias de matón de feira ca de supostamente estados modernos e democráticos, e nos que as máis das veces o único mérito recoñecido que poden aportar para avalar os seus postos de director xeral, alcalde ou conselleiro do que sexa na nosa benquerida Xunta é o de ser "amigo de".

Unha vez máis pagamos o pato os usuarios, os cidadáns, os que nunca temos culpa de nada, e calamos con todo, e eles tan frescos nos seus despachos con aire acondicionado e viaxando en clase business, e bos coches de marca ao fresquiño, en tanto miles de persoas, cada unha co seu problema e caso particular, quédanse tiradas nas estacións de bus, perden os enlaces, non poden acudir ao médico ou saír onde sexa, sen esquecer, como hoxe mesmo puiden comprobar, os centos de persoas, moitísimas delas estranxeiras, que non entenden nin pataca do que está a ocorrer, e que teñen mercado o seu billete de bus, para regresar a casa, dende hai semanas ou meses, peregrinos ou turistas sen máis, nos que ninguén pensa, porque non interesa. Alomenos, digo eu, poderían colocar alguén nun mostrador de información que fale inglés e poida asistir a tanta xente absolutamente descolocada e sen saber que facer agora cando lle din que non hai bus, e que estamos en folga martes e mércores, porque a señora conselleira de Infraestruturas, e os señores vicepresidente e presidente da nosa Xunta, a mellor, dende logo, de Galiza, tiveron a ocorrencia feliz de forzar aos sindicatos e patronal do transporte a unha folga de última hora coa que ninguén contaba e, polo tanto, ninguén puido cambiar os seus plans. E, claro, eles tan felices, nos seus postos, dos que si tiveran un mínimo de dignidade xa dimitirían, polos trastornos que veñen de ocasionar a miles de persoas, e iso sen contar cos máis de 70.000 rapaces/as que quedaron sen escola.

Pero, naturalmente, todo o mundo ten a culpa, e todos están equivocados menos eles que che son Deus, co don divino da sabedoría sobrevida polo Espírito Santo. Absurdo negociar, ridículo chegar a un acordo, imposible escoitar e ver outras posibilidades, todos están sempre equivocados, tan so eles saben e teñen sempre a razón e a xustiza do seu lado, os demais somos malos malísimos, mala sombra que tan so queremos prexudicar as súas carreiras políticas ou medres e o seu éxito persoal, por riba do ben e do mal, caos temos dabondo para abondar no que dicimos, por desgraza, este da folga do transporte ante a simpática ocorrencia da conselleira, non é o primeiro nin vai ser o último.

Entre tanto, xa me dirán Galicia Calidade, si, turismo, praias, sol, marisco, e galegos e galegas que continuamos calando e aguantando, e visitantes máis perdidos ca unha cabra nun garaxe sen saber como regresar a casa. E ollo ao polvorín que temos nos nosos montes grazas á nefasta, ou máis ben inexistente, política medioambiental, e rural da Xunta, agora tamén vai ser culpa dos toxos e xestas, como o lume prenda.

Compartir el artículo

stats