O xardín da poesía "María Porto Puente" do CEIP do Foxo enfeitizouse cun galano de primavera. Soletreade en voz alta, andoriña, estralampar, cabrinfollo, leverelou, loulén, bolboreta, lóstregos, vagalume, setestrelo, brétema, home de sol, solpor, amantiño, frouma, folerpa, orballo rechouchío, remanecer, azúmara?

A beleza das palabras. A súa fermosura. Velaí o traballo Sobre as palabras máis fermosas da lingua galega (Ed.Fervenza, 2017), a nova publicación dun amante das letras, dun lletraferit, dun dos polígrafos máis sobranceiros da historia contemporánea de Galicia, Xesús Alonso Montero.

Un proxecto estético (e ético) de amor fiado de vagariño, paseniño, tecido ao longo de toda unha vida, que foi presentado -para honra de toda a comunidade escolar e de toda A Estrada- na escola do Foxo. Cento dez palabras. Cento dez razóns que amosan o orgullo de sermos galegos. Unha oda ao sentimento, á re-existencia, á memoria, á herdanza dos nosos devanceiros. Un canto á vida.

Todos temos unha ou varias palabras que levamos penduradas no noso universo íntimo. As miñas son aloumiño, Pinguela, bico, raíña, Vis de Baixetes. A escolleita pode facerse pola fonía, pola musicalidade, pola capacidade evocadora ou tal vez polo misterio ou pola familiaridade.

Palabras "con encanto"

Logo da lectura deste libro saberemos cales son os gustos léxicos de milleiros e milleiros de escolares galegos entrevistados -ad hoc- polo autor da obra. E tamén descubriremos cales son as palabras que posúen un encanto especial para escritores da talla de Cunqueiro, Castelao, Ánxel Fole, Otero Pedraio, Antonio Tovar, Aquilino Iglesia Alvariño, Federico García Lorca.

Velaí, amigas e amigos das palabras, o infindo valor deste libro. Un ensaio maxistral, didáctico e auténtico. Unha viaxe ao epicentro do corazón da lingua de noso. As palabras de don Xesús. Mil grazas profesor.

*Mestre e escritor da Estrada