Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Manuel Coia

Homenaxe ao escultor do Morrazo e de todo o humano

Cincuenta e tantos anos atrás entrei en Foto Club (Príncipe, Vigo) e alí o estaba Manuel Coia no medio da súa exposición portentosa de esculturas. Pareceume coma se Henry Moore se acompasase coa Venus de Müllendorf e esta cos cravos do Cristo de Vilanova dos Infantes. Fun sabendo que Manuel Coia viña do Igrexario do Hío, medrara á sombra do pedreiro Cerviño e correra os lombos, con teimudas videiras de albariño, das dunas de Viñó. Puro Morrazo límite, que se debroca na Costa de Su a Vela. Aquela primeira exposición de Manuel Coia en Vigo, 1960, remudou, co de baixo para riba e co de riba para baixo, os nosos desexos de nova escultura galega, que xa foran mostrados e teorizanos na Gadaña. Logo Coia foi a Madrid e viviu na Extraña Prisión (ou Pensión) de Junlai, nome que (se cadra) explicaremos algún día. A súa amizade con Reimundo Patiño foi unha identificación e, o do Hío, entrou a bucío nos libros de arte do coruñés e coñeceu Eiroa. E tamén a erupción conceptual do abstracto soviético con Vladimir Tattin. Coia, en pouco tempo, enxertouse no estripo Brais Pinto e, naturalmente, confluiu cun Xosé Lodeiro que, por 1965, regresara da emigración e asentara para o resto da vida en Vigo. Conviviron Coia e Lodeiro e espuxeron en sociedade fraternal. Se ollo para tras ("oh, companheiro"), vexo lugares nos que ambicionamos, en grupo, unha arte galega depurada de marcas hereditarias convencionais. Sabiamos de Malevich, o que non impedía que Coia fose un radical que acreditaba nas formas visuais sempre portadoras de significados. E producía relatos radicais implícitos. E cando digo radicais estou a falar da viciñanza das esculturas de Coia coas raices tanxibeis dos boscos e dos matos e dous toutizais. Como eran tamén viciñas, sen el o saber, das aras votivas do deus Berobreo do monte da Garita. Home do mar, mareante el mesmo, Coia pasa agora á memoria colectiva da Nación. Cando novos, pensabamos, coma Dylan Thomas, que a morte non é certo. Éo. Se queredes saber, os que o ignorabades, que cousa é ser Coia, ide a o parque de Castrelos, ao socalvo elevado das roseiras, no xardín interior do pazo. Se procurardes ben, acharedes no chan, sen indicación, un rostro atormentado en pedra que tal vez estea medio cuberto pola relva. É unha das grandes obras de Coia que fala de ti, de nós, de todos. Estamos a chorar a morte de Manuel Coia Franco, escultor do Morrazo e de todo o humano.

Compartir el artículo

stats