Día rebelde que no seu decorrer, a brétema vaise apoderando da situación e asoma unha lixeira poalla, acaso como preludio dunha primavera que se esgota irremediablemente e, denantes de dar paso á época de estío, deixar pegada dun maio tolo que cabalga sobre os albores dun irreverente xuño. Acaso as moiras cómplices ou sabedoras do suceso, queiran nos mostrar o loito dunha aparentemente irreversible perda, ou o dolo dunha candea que deixa entre lusco e fusco ao mundo das ARTES e, aos seus seguidores e seguidoras, a todas aquelas persoas que entenden que ao través delas, pode e debe contribuírse a un melloramento social, á través dun compromiso entre o creador e a obra para ofrecerllo ao conxunto da humanidade.

Onte, Manolo Coia decide deixarnos, pero iso non vai ser posible aínda que así o quixese, ou o esgotamento froito da loita co mundo ou mesmamente consigo precipitase tal partida, pois a súa pegada permanecerá perenne por medio da súa obra, no legado que nos deixa como testemuña dunha intensa vida, de moreas de partos imperecedoiros, que pasaron a formar parte das nosas paisaxes, da nosa contorna, da nosa xeografía, mesmamente das nosas vidas. Coia foi que de furar as nosas conciencias, de penetrar nas intimidades de próximos e alleos, de non deixar indiferente a ninguén, no mais amplo sentido da expresión. Obra e persoa, conformaron esa dualidade omnipresente no artista, ambas as dúas inseparables, indivisibles, pois nunca foran quen de conseguilo, ou así o decidiu ou decidiron entrambas.

Acaso será certo o dito de que o artista nace como tal? Non son quen de afirmar ou desmentir tal aspecto, tampouco se no caso de Manolo Coia puidese ter sido así, porén, o ternos achegado a el no espazo e no tempo e, todo o que fomos observando e compilando sobre ese longo percorrido, fálanos da súa pertinaz e perseverante teima de aprendizaxe, de perfección, de adquirir oficio, de aprender dende a soidade, de acadar a máxima expresión en cada obra, iso incluso antes de seu paso pola Escola de Artes e Oficios de Vigo, ou algo mais tarde pola Escola das Nobres Artes de San Fernando de Madrid, polo que o debemos encadrar dentro dese didactismo impenitente ao que endexamais renunciou, condición coa que alimentou a súa imperecedoira rebeldía e marcada personalidade, manifesta en cada peza esculpida, pois así el o decidiu.

Facendo memoria, lembro as coincidencias en exposicións conxuntas, tamén a participación xuntos en diversas colectivas, pero singularmente a celebrada coincidindo cun congreso de GALEUSCA (de escritores nas linguas galega, euskera e catalana) na que participamos os dous e, que tivo lugar no Castelo Monterreal de Baiona, ou a Triangular ao aire libre, celebrada nas inmediacións da Alameda de X. Félix Soaxe (Alameda Vella), con obra de Manolo Coia, Secundino Diz e Camaño Xestido.

Coia déixanos un importante legado no municipio, dende as súas intervencións na restauración dunha imaxe do Cruceiro do Hio e, obra na contorna de igrexa da mesma parroquia, ata as adquiridas polo concello sendo concelleiro Harguidey, tres que estiveran nos xardíns do Pote, hoxe custodiadas pola institución, outras en centros docentes como o Instituto María Soliño. Nesta mesma época e da mesma serie, fora adquirida a que hoxe está nos exteriores da Casa-Museo A Mangallona. Logo a finais dos oitenta, coa culminación da Casa da Cultura, emprazada na antesala, está "As idades da pedra", mais tarde, foron tomando espazo noutros puntos da xeografía canguesa, "Vento de proa", sita na praza da Deputación, fronte ao concello, "Mexilóns" na rotonda de Pedra Alta, "Pombas" nas inmediacións da Capela do Hospital, "Música" adicada ao Mestre Camaño, na entrada do Auditorio Municipal, "Galeón" nas proximidades do Peirao de Ojea, "Orante" fronte ao cemiterio municipal de Cangas e, outras que de seguro deixo no tinteiro.

Das últimas coleccións, destacar á exposta no Auditorio co gallo das Letras Galegas coido que no 2015, unha homenaxe que Coia decidiu render ás Letras, creando un abecedario con obras individuais, letra a letra, cada unha realmente obra de arte, ateigadas de ritmos envolventes, ateigados de harmonía e significada expresión plástica.

MANUEL COIA FRANCO, vaise co seu xenio e enxeño, coa súa personalidade e creatividade, coa súa implacable rebeldía tan presente na obra. Co seu carácter decide ou así tiña que ser, facer esa derradeira viaxe a ningures, viaxe sen retorno que aparentemente nos deixa orfos, mais non de todo, pois é certamente inmortal, inmortalidade alcanzada á través da súa loita que non foi outra que a de crear artisticamente, a de aportar ese inmenso legado que o eterniza nos tempos, que o converte nalgo imperecedoiro.

(*) Artista de Cangas e fundador do Museo A Mangallona