Velaí que andan alporizadísimos nestes días, rabiados e doentes, tal se lles picara un alacrán troglobio, determinados tertulianos radiotelevisivos de postín/postineo, columnistas autoproclamados líderes de opinión, gurús eminentes da cousa mediática patria, maioritariamente radicados na "villa y corte". Tamén o están, faltaría máis, algunhas das nosas terminais de terminais de terminais: especialmente certa especie de dinámico dúo en playback, en xeito de Milli Vanilli, pero cuxa influencia -infelizmente para os tales- esvae, desmaia... entre Forcarei e A Estrada. E cal vén resultar o motivo de semellante algazara -preguntaranse, sen dúbida, Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais? Pois nin máis nin menos que esas declaracións efectuadas recentemente por D. Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nas cales viña afirmar o flamante secretario electo do Partido Socialista Obreiro Español que España -e arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos- constitúe de veras unha "nación de nacións": isto é, unha entidade plurinacional da que Cataluña, xustamente en calidade de axeitar unha desas nacionalidades, vén formar decidida parte. En sintonía coa proposta federalista do PSC, Sánchez estima que o recoñecemento dos cataláns como "nación" devén a única vía para superar de vez o "grave conflicto territorial" que, día si e día tamén, nos aflixe. En suma, o secretario xeral dos socialistas avoga por unha reforma constitucional na que as cousas "sexan chamadas polo seu verdadeiro nome."

Por se fora pouco o "escándalo", D. Pedro tivo aínda a ousadía de explicar que, na súa estima, os cataláns artellan unha "nación cultural", entendendo por semellante apreciación "un sentimento que ten moitísima cidadanía, por exemplo en Cataluña, por exemplo no País Vasco, por razóns culturais, históricas ou lingüísticas." Encolerizados e irados, si; postos como cabalos, tamén; pero absolutamente xordos -ou sen querer oír, que é peor-, non demoraron os gardiáns da galaxia hispana en querer explicarlle a Sánchez que o concepto de nación non ten máis de douscentos anos e que, en termos xurídico-políticos, estamos a falar da nación-estado, fórmula que conleva a creación dunha entidade completamente independente. Iso si, eles mesmos admiten, porén, que sería posible falar da "nación cultural", o cal vén ser o sentimento forte de pertenza a unha historia, unha lingua, unha tradición... D. Álvaro Cunqueiro -non creo que ninguén o alcume de separatista ou alentador do separatismo- tiña por costume definirse como "galego de nación", acudindo precisamente a esta segunda posibilidade. Xa que logo, unha das dúas: están realmente xordos/queren estar xordos ou é que este modesto cronista parveou de vez? Qué de impío, inicuo, perverso e revolté queren atopar, daquela, nas verbas que foi pronunciar o secretario xeral da socialdemocracia española?

"Demente""egocéntrico", "iletrado"...; desde logo, os contrarios de Pedro Sánchez non se paran en lindezas. Aparentando moitísimo rigor na análise; finxindo kilogramos de ciencia política; simulando quintais e arrobas de xurisprudencia; figurando ferrados, metros e hectáreas de democracia..., pero sobre todo demostrando toneladas enteiras de demagoxia e de pura e dura andrómena, (supostos) adaís constitucionais e catedráticos das silveiras pontificaron, aseveraron, sentenciaron e executaron o ditame: "quen diga 'nación', ao paredón!" (polo momento, só ideolóxico, menos mal!) Claro é que a cousa está en que aquilo que alcuman arreo como defecto nos demais, constitúe, polo visto, virtudes patrias no seu caso. Traducido: nacionalistas son os outros; eles, simplemente, exercen de modernos. Máís traducido aínda: Breogán e mais o Medulio non pasan de conformar moi falsos mitos; polo contrario, Indibil e Mandomio foron dous heroes españois certos e Covadonga toda unha señora batalla, oé, oé, oé.

Hai nacións culturais, claro que as hai. E poden ser plurilingües (Irlanda, Escocia...), pluriétnicas (Nova Zelanda)..., incluso axeitárense como pluriterritoriais (ou non existe, acaso, a nación romaní?). Que deveñan ou non deveñan en nacións-estado, iso obedece logo á vontade e mais ao compromiso adquiridos por aqueles que as compoñen, na xeira de constituílas como tales: ou, polo menos, así nolo deprendeu Giuseppe Mazzini.

Que os estados os estados recoñezan, e practiquen, os dereitos nacionais: velaí a proposta democrática que cabe soster. Ao cabo, Pedro Sánchez non fixo máis que expresar aquilo que miles, e talvez millóns, de cidadáns do Estado español -para alén de que optemos/non optemos por consignar o seu nome nas urnas- vimos pensar... cando de veras nos poñemos a pensar.