Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

A "vella" e o "bello"

Saiban desculpar todos os -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais o título, sen dúbida un tanto churrusqueiro, que preside as presentes liñas. Ben sei, ademais, que en correcto galego debería rezar en todo caso, e no canto de "bello", calquera desoutras formas: "belo", "belido", "fermoso"... Por outra banda, nada máis lonxe da miña intención que alcumar de "vella" a Dna. Susana Díaz Pacheco; con apenas corenta e dous anos de idade, para nada lle cabe á dama andaluza tan pouco atento cualificativo. Non obstante, acontece que o de "vella" si garda relación coa súa peculiar maneira de entender e de executar as formas políticas e diso, precisamente, si que vai a crónica de hoxe. En fin, tampouco ten nada de "vello" -por máis que lle leve á súa contrincante tres aniños- D. Pedro Sánchez Pérez-Castejón. Respecto a esoutro de "bello"..., vaia; coido ben que todos/todas han de concordar na apreciación: de non se dedicar á cousa da política, D. Pedro -e máis agora que Antonio Banderas non parece estar, coitado, na mellor forma posible- ben que podería triunfar por Hollywood adiante. Eu, non sei Vdes., pero si que o imaxino interpretando un remake do heroe latino (acaso do único heroe latino que por aló foron capaces de concibir) por excelencia: Alejandro Murrieta -sucesor moi digno de D. Diego de la Vega- alias "El Zorro."

Cando os mísiles soviéticos apuntaban ás capitais da Europa occidental, a partida semellaba cousa clara: para nada conviña, dunha parte, que unha quinta columna de proletarios indignados, impíos, revoltés e con querencia declarada polo vermello estivesen dispostos a abrir as fronteiras de par en par, dispoñer alfombras de flores en prazas e avenidas ás divisións acoirazadas chegadas desde o leste aos compases da "Internacional". Asemade, menos interesaba aínda que esas mesmas masas enfurecidas, e con devezo de vinganza diante de patróns exploradores e sen escrúpulos, fosen sabotear fábricas e demais centros de produción, desertasen da chamada a filas e, ben polo contrario, se ocupasen en asaltar os chalets da burguesía. Descartada a represión en gran escala; pasados os tempos do Big Stick, e unha vez que derramaran o seu sangue polas bandeiras patrias entre 1939-1945, deviña necesario ofrecerlles unha ampla compensación. A socialdemocracia, coa súa magnífica capacidade de manexar con brillantez os orzamentos públicos; co seu escintilante xeito de espallar o welfare state, semellou -e non só semellou- a fórmula máis axeitada para que a riqueza e mais o consumo chegasen a todas as partes, deixando atrás e de vez décadas, séculos enteiros de miseria. Se do outro lado do mar tiveron o "american way of life", desde estoutra riberia tamén se foi artellando un "style européen" do que, finalmente, tamén acabamos por participar -algo máis tarde e con menos fogos de artificio, iso si- por estes mesmos pagos.

Mais todo pasa; mudan os tempos e mudan as vontades, e aquilo que resultaba inverosímil, acabou por acontecer: certo día da invernía, a bandeira vermella deixou de ondear no mastro máis alto do Kremlin. Profetas postmodernos chegaron a aseverar que, no futuro, os nenos aprenderían nas escolas que, en realidade, Kremlin, apenas servira para designar un mítico tempo da "movida" viguesa, pero nunca un refulxente palacio en Moscovo.

A "terceira vía", pois. Supetamente desposuída, polo visto, de oficio e beneficio, a socialdemocracia foi deseñar axiña a súa propia reconversión. É dicir, reestruturouse en "pelotazo" inmobiliario, compañeira e "amiguete" da jet set marbellí, socio preferente de Carlos Andrés Pérez en Venezuela, caza-bombardeiro sobre as pontes de Belgrado, Saddam Hussein aforcado en Bagdad... "Ruth Lang (a esposa de Adam Lang/Tony Blair) é unha axente da CIA": Roman Polanski dixit ("The Ghost Writer"; entre nós, simplemente "El escritor".). Logo viñeron Pérez Rubalcaba, François Hollande.. : no future!

No future!, en efecto. Caduca, esgotada, consumida....; vella: velaí a fórmula proposta por Susana Díaz. Unha actitude, a da dirixente sevillana, igualmente resesa que defenden arreo todos aqueles autoproclamados creadores de opinión, tertulianos de postineo, terminais de terminais de terminais...,absolutamente inconscientes da súa propia decadencia mediática. Cando descabezaron a Sánchez -ou iso pensaron que fixeran-, consideraron que a marea deixara definitivamente de encher. Non se decataron de que o mar apenas se retirara para deixar paso ao próximo tsunami.

Se un servidor estivese no seu pelello, viraría de novo a chaqueta e onde puxen "digo", poño agora "diego". Porque, ao cabo, perante eses novos mísiles -e que non só proceden desde Moscovo ou Pionyang, meus parvos!- a nos apuntaren, directísimos, Sánchez e mais os seus veñen constituír, acaso, o único e eficaz escudo na defensa daquilo que resta do stablihsment, Europa,o euro e toda a parafernalia adxunta. A non ser, claro é, que estean resignados a aceptar as consecuencias dunha apocalpyse now, sucede que entre unha sorte de populismo e outra sorte de populismo ascedentes, só é posible a socialdemocracia (auténtica). Velaí, xa que logo e a pouco que saiba (e que lle deixen) facer, o papel que ben lle pode caber representar ao novo secretario xeral dos socialistas hispanos. E se non coidan tal, acudan aínda ás leccións de xeografía. Remember: ".. y al oeste, limita con Portugal."

Compartir el artículo

stats