Deixounos estes días Mariano Facal, o incansable activista e sempre amable camarada.

Desde O Naranxo, herdeiros como somos da vella Asociación Cultural Deza que el fundou, queremos renderlle unha homenaxe a quen foi un dos primeiros promotores e animadores da cultura con maiúsculas no noso concello e en toda a Comarca. Ao seu impulso e traballo debeuse a organización da primeira Feira do Libro Galego que se desenvolveu en Lalín en 1976; a feira trouxo onda nós a escritores como Bernardino Graña, Manuel María ou o actual presidente da Real Academia, Víctor Freixanes. Nas feiras seguintes incorporouse tamén unha exposición de pintura na que participaron Laxeiro, Colmeiro, Lamazares e Sucasas. Por certo que na montaxe dunha das mostras, Mariano colgou un dos cadros de Antón Lamazares do revés, o que lle custou unha boa reprimenda do pintor de Maceira. Facal continuou implicado na defensa da cultura galega e apoiou e amparou a todos os que quixemos desenvolver iniciativas de promoción de calquera actividade artística, lúdica ou de compromiso. Mariano Facal, un dos bos e xenerosos. Que a terra lle sexa leve.