Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE Día das Letras Galegas · A pegada de Carlos Casares no Morrazo

Reválida de sexto. Memoria de Carlos Casares

O profesor e escritor pasou nove anos en Cangas, onde escribiu algunhas das súas obras e deixou pegada no seu alumnado

Para aqueles que non saben como era o sistema educativo naqueles tempos convén dicir que, tras os catro graos de primaria nun grupo escolar, aqueles e aquelas que queriamos facer bacharelato tiñamos que enfrontarnos con apenas 10 anos ao exame de ingreso que, antes de que existise o de Cangas, os rapaces faciamos en Vigo ou en Pontevedra. Logo a maioría matriculabámonos en academias locais como a Academia Seara de Moaña, dirixida por meu tío Gonzalo Riobó, academias que, durante moito tempo, cumpriron a función de permitir que moitos rapaces e rapazas puidesen seguir estudando. A súa memoria foise perdendo e bótase a faltar un recoñecemento que parece canto menos de xustiza. Os mais arriscados collían o barco a Vigo para acudir, os nenos, ao Santa Irene e, as nenas, ao Santo Tomé de Freixeiro (daquela feminino) e outros e outras a Pontevedra. Cada xuño e setembro, os que faciamos o bacharelato por libre presentabámonos ao exame de todas as materias durante un día enteiro. Coa creación en 1970 do INEMM de Cangas todo cambiou. Desde Bueu, Cangas e Moaña puidemos seguir uns estudos que nos levarían desde primeiro a cuarto de bacharelato ou, o que é o mesmo, dos 11 aos 14 anos. Despois, os que ían para estudos superiores facían quinto e sexto e os que aspiraban á universidade COU. Polo medio tiñamos que pasar a reválida de cuarto, a reválida de sexto e, finalmente, a selectividade. Pero todo estaba a piques de cambiar. Nos colexios de primaria como Castrillón, Reibón, Espiñeira, A Pedra, e Nazaré desenvolvíase xa o novo plan da EXB que viría converter o noso centro nun flamante "Instituto de Bachillerato", coa chegada do alumnado de BUP.

Mais naquel curso, a incorporación dos novos profesores supuxo todo un acontecemento. O instituto acabaría sufrindo un profundo cambio ao que, evidentemente, non foron alleos tres dos chegados: Francisco Rodríguez, Carlos Casares e César Varela. Desafiando o severo réxime franquista moi presente no sistema educativo (especialmente a través da materia de "Formación del Espíritu Nacional"), falaban galego, impartían as clases en galego e transmitían con coraxe un inequívoco e, para nós, moi revelador pensamento nacionalista.

Pouco a pouco fomos sabendo dos chegados. De Carlos Casares que era un escritor que publicara unha novela ("Cambio en tres") e tamén un libro que fora secuestrado ("Vento ferido") e que estaba casado cunha señora loura que era sueca. A relación que moitos dos alumnos e alumnas axiña establecemos con estes tres profesores estaba por completo fóra do común: nas horas libres saïamos con eles a pasear, xuntabámonos nalgunha taberna e visitabámolos con frecuencia nas súas casas. Na de Casares, ademais, atopabámonos sempre coa simpatía de Kristina Berg. Deixábannos libros, usabamos as súas máquinas de escribir, escoitabamos os seus discos...

As aulas que impartía Carlos Casares, como tamén as de Francisco Rodríguez, eran ben diferentes ás que estabamos afeitos. Foron eles os que nos iniciaron no coñecemento da literatura galega que, por aquel entón, só figuraba como apéndice dos libros de Literatura Española. Conservo un grato recordo das aulas de literatura de COU de Casares, a súa maneira intelixente de encarar os comentarios de texto e supoño que todos os seus alumnos e alumnas non esquecemos aquelas anécdotas e historias sobre a sociedade sueca ás que Casares moitas veces se abandonaba.

En 1975 Carlos Casares gañou o Premio Galaxia coa súa novela "Xoguetes pra un tempo prohibido" que ademais foi Premio da Crítica de narrativa galega que por primeira vez outorgaba a Asociación Española de Críticos Literarios. Tivo dúas edicións naquel ano, unha antes de morrer Franco e outra despois. Foi o primeiro libro que lin de Casares e deixoume asombrado. Aos meus dezaseis anos nunca lera nada parecido. Eu aínda non coñecía a nova narrativa sudamericana, nin a europea, nin tampouco a galega. Foi a porta de entrada a unha maneira de narrar que despregaba ante min un mundo de posibilidades. Despois viñeron os outros, especialmente "Vento ferido". A el volvín en 2010 para facer unha adaptación teatral que presentou en Moaña Teatro Aurin o 9 de xaneiro de 2010. Foi unha noite moi especial para nós porque tivemos o pracer de contar coa presenza de Kristina Berg. Había case oito anos que morrera Carlos Casares. Hoxe "Vento ferido" (1967) é un clásico da literatura galega que só nos seus primeiros trinta anos contou con once edicións. A iso contribuíu e segue contribuíndo de maneira especial o feito de ser un dos libros que máis se len no bacharelato. Moitos das miñas alumnas e dos meus alumnos o están a ler este curso e cando lles pido a súa opinión sobre el adoitan contestarme que lles gustou moito e lles sorprendeu, mesmo aínda que non fosen capaces de comprendelo todo.

A familia Casares Berg pasaba os invernos en Cangas e os veráns en Halmstad (Suecia) onde naceron os seus fillos Håkan e Christian. Nestas dúas vilas costeiras separadas por tantas millas, Casares escribiu algúns libros máis: unha colección de contos chamado "Os escuros soños de Clío" (1979), a novela "Ilustrísima" (1980), os ensaios "Curros Enríquez" (1980), "Otero Pedrayo" e "Vicente Risco" ambos de 1981 e un conto infantil titulado "O can Rin e o lobo Crispín" (1983). En 1978 Casares ingresa como membro numerario da Real Academia Galega, o máis novo ata entón, e en 1981 é elixido, como independente nas filas do PSOE, deputado no Parlamento de Galicia. Cando en 1982, rematadas a carreira e o servizo militar, entro como profesor non numerario no meu vello instituto (permítaseme gabarme un pouco da honra de ser o primeiro alumno en dar clases no instituto de Cangas), coincido moi poucas veces con el, entregado como estaba ao labor parlamentario, especialmente a dúas iniciativas: a Lei de normalización lingüística e a creación do Consello da Cultura Galega.

En 1983, a familia deixa Cangas para vivir na súa nova casa en Nigrán e Casares pide o traslado ao Instituto Santo Tomé de Freixeiro en Vigo. Logo virían os seus artigos para La Voz de Galicia, a dirección da Editorial Galaxia, a presidencia do Consello da Cultura Galega, a publicación do resto da súa obra, amén dunha morea de outras actividades. E foise nun suspiro, en 2002, con apenas 61 anos. Uns anos despois acompañaríao Kristina.

Casares forma parte dunha pléiade de intelectuais do que, xa en 1983 e aínda en Rodeira, pasou a ser o instituto María Soliño: Camilo González Suárez Llanos, Francisco Rodríguez, Henrique Harguindey, Bernardino Graña, Anselmo López Carreira... A mellor homenaxe que lles podemos facer consiste en aproveitar as súas ensinanzas e pasar reválida de sexto.

*Profesor no IES María Soliño

Compartir el artículo

stats