Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Reformar a Constitución

O rei Creso de Lidia, que quería conquistar o Imperio persa, dirixiuse ao templo de Apolo en Delfos para consultar o oráculo -o que permitía aos homes coñecer aquilo que só os deuses sabían- sobre cando sería o momento oportuno. O oráculo díxolle: Creso, si cruzas o río Halis -fronteira natural entre ámbolos dous países- destruirás un grande imperio. Convencido entón de que a sorte lle era propicia emprende a conquista, pero o imperio que resultou destruído foi o seu, sendo derrotado por Ciro II, rei de Persia, no ano 547 a.C. Aquel oráculo pasou á Historia como exemplo de ambigüidade na resposta.

Vimos semanas atrás nos medios de comunicación unha presencia abundante de opinións e comentarios relativos a unha posible reforma da Constitución, con motivo de seu 38 aniversario. Especialmente interesantes resultan as dos líderes políticos para veren por onde irán os tiros, si é que, efectivamente, iníciase un proceso para cambiala pouco ou moito. O debate, anque con pouco fol, empeza a estaren servido. Por un lado parece que todos coinciden en que, por principio, as constitucións deben evolucionar cos tempos e adaptárense ás novas realidades sociais; por outro, as diferencias son notorias cando temos que identificar as realidades ou os fenómenos que aconsellan os cambios. Por exemplo, cando se aprobou a nosa Carta Magna, non estabamos na Unión Europea; o que, para algúns, debe ser xa motivo dunha modificación. Ou tamén acabar coa preferencia do home sobre a muller na orde sucesoria da Coroa. Igual ca estes aspectos, moitos outros requirirían alcanzar un consenso para mellorar e actualizar a Constitución de 1978, como din algúns, e non, coma pretenden outros, iniciar un novo proceso constituínte. Entre os temas urxentes están a reforma do Senado, perfilar ben as competencias do Estado e as Autonomías, os aforamentos, a organización territorial coa posible supresión das deputacións provinciais, etc.

O certo é que para conseguir o un e o outro se requiren amplas maiorías no Congreso e no Senado, o que complica o tema. Solicitar un proceso constituínte co discurso de que co actual marco as institucións non funcionan, conduce a un calello sen saída, xa que, no presente, estase moi lonxe de obter un número suficiente de deputados que o apoien. E optar pola vía de reformar aspectos require tamén que non se postulen en contra dous quintos dos deputados de ámbalas dúas cámaras, o que impediría a aprobación dos cambios. Así as cousas, son moitas as dúbidas e dificultades sobre a posibilidade de que nesta lexislatura se poida acometer o proceso, anque non é de estrañar que oiamos moitas proclamas e exposicións sen máis obxectivo que definir posicións electorais, pero moi distantes de perseguir o obxectivo de alcanzar agora algunha reforma.

Non é menor o feito de que un 10% de deputados ou senadores poden esixir someter a referendo calquera acordo de revisión da Lei Fundamental, nun prazo de 15 días despois da súa aprobación. Cuestión esta que arreda os partidos contrarios a unha consulta cidadán sobre aqueles cambios que non requiran un chamamento ás furnas. Ademais, a revisión dalgunha das partes fundamentais da Constitución suporía a disolución das Cortes, a celebración de eleccións, a aprobación do texto polo novo Parlamento e ratificación cidadán en referendo; cousa nada probable que suceda de momento.

Ante todas estas dúbidas e dificultades o mellor será consultar ao oráculo, e unha vez oído, interpretar correctamente o seu contido. Do contrario, pode ocorrer o mesmo que ao rei Creso que, por querer conquistar outro imperio, perdeu o propio.

*Veciño da Estrada

Compartir el artículo

stats