Gran parte da praxe xudicial no Estado español non responde ó marco normativo establecido polo Parlamento Europeo en materia de protección de vítimas de violencia de xénero e vítimas menores de idade. Esta praxe xudicial produce indefensión xa que obstaculiza o enxuizamento deste tipo de delitos. As vítimas de violencia de xénero e as crianzas que sofren malos tratos a mans do proxenitor vense privados de dereitos procesuais e dereitos fundamentais.

O persoal dos servizos de xustiza, menores e familia seguen sendo xeneralistas, sen requirir formación específica nin en violencia de xénero nin na área de atención a vítimas menores de idade.

Desde que comezou 2017, practicamente non houbo un só mes no que non se cometeran asasinatos de menores por parte da parella ou ex parella das súas nais.

A cifra de menores vítimas mortais da violencia machista está a aumentar de xeito alarmante. A última vítima desta atrocidade é un neno de 11 anos asasinado polo seu proxenitor, un veciño de Oza-Cesuras (A Coruña) o pasado luns durante o réxime de visitas. O arrestado xa fora condenado en 2008 e obxecto dunha orde de afastamento da súa exparella ata 2013, ano no que a muller o volveu denunciar por ameazas, sen que se fixese nada ó respecto. É unha mágoa que se estea animando constantemente a denunciar e logo atoparse diante desta indefensión.

A escoita ás vítimas menores de idade e de violencia de xénero na maioría dos casos non é considerada nin tida en conta, tanto na avaliación como no fallo (óuvese á vítima, NON se lle escoita). Tanto a Directiva 2012/29/UE como a Carta Europea de Dereitos Fundamentais e a Carta Europea dos Dereitos do Neno e da Nena, recollen o principio de interese superior como primordial na toma de decisións que incumben ó neno, nena ou adolescente.

Con todo, na observación de casos, o que se percibe é habitualmente unha argumentación superficial e sesgada en relación á medida que o xulgado pretende impor, sendo non pouco habitual que o neno/a sexa presionado/a ou obrigado/a aceptar un réxime de visitas ou custodia en contra da súa vontade.

Polo tanto, o interese superior e o dereito a ser escoitado/a continúan sendo dereitos limitados que requiren dunha maior concreción a nivel normativo e dun cambio de actitude por parte dos axentes xudiciais cara a unha consideración do neno, nena e adolescente como suxeitos de dereito.

A situación de violencia, tanto cara ás mulleres como cara ás crianzas, minimízase en moitas ocasións, posicionándoos nunha grave situación de vulnerabilidade e ofrecendo claras vantaxes ós agresores a pesar da súa conduta abusiva. As crianzas sometidas a violencia presentan toda unha variedade de trastornos físicos e psicolóxicos que afectan ó seu comportamento, adaptación social e ó seu rendemento escolar e que se poden manifestar en forma de ansiedade, terrores nocturnos, enuresis, agresividade, etc. Moitas mulleres, ante esta situación tan dramática, optan por non cumplir o réxime de visitas, por mor da inseguridade á que se ven sometidas, polo que son condeadas e revitimizadas nos xulgados.

O exercicio do dereito de visitas por parte dos agresores, non é máis que un medio para continuar exercendo a violencia e a dominación sobre as mulleres, utilizando ás crianzas como instrumentos para conseguir esta finalidade.

Haberá que establecer, por unha banda, a suspensión definitiva da patria potestade en delitos graves, e nos delitos menos graves a avaliación e seguimento do agresor no que respecta á relación cos fillos/as. As crianzas sofren moito ó seren obrigados a convivir con un maltratador que sembraba o terror na familia, están sen a protección da súa nai ou outras persoas que lle daban seguridade e estamos vendo como se antepoñen os intereses do proxenitor violento ós dereitos dos menores.

En xulgados, estase a recoñecer a Síndrome de Alienación Parental como arma para presentar ás nais como manipuladoras, que poñen ós seus fillos e fillas en contra dos pais e a estes como vítimas desa manipulación. Cando a realidade é que as nais están tratando de que as fillas/os sufran o menos posible cando son obrigados a convivir as horas ou días estipulados por estas inxustas sentenzas. As crianzas son vítimas directas das agresións a súa nai; ven, escoitan e teñen pánico ó proxenitor.

O Estado ten a obriga de protexer por riba de todo as crianzas e non antepoñer os dereitos do proxenitor abusivo e violento ós dereitos dos fillos. Respectar o interese superior do menor, pasa por afastalo definitivamente dunha figura paterna abusiva, maltratadora e violenta.